O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, afirmou hoxe que é totalmente inviable que as obras
pendentes do AVE rematen a finais de 2019 e reclamou ao Goberno central
que dea información sobre os prazos reais. Esta é a conclusión que se
extrae dun informe coñecido hoxe polo Consello da Xunta sobre o nivel de
cumprimento dos compromisos do Goberno para as obras na liña de alta
velocidade entre Galicia-Madrid e na liña Lugo-Monforte-Ourense.
Para
acadar o “obxectivo de país” de reducir o tempo de viaxe desde Galicia e
Madrid a través de tren de alta velocidade, lembrou Feijóo, na última
década a Xunta mantívose nunha posición de “exixencia no cumprimento dos
prazos e lealdade institucional cando hai dificultades”. Nesa
liña, a Xunta asumiu que era o seu deber seguir de primeira man a
evolución das obras do AVE, tras “soportar atrasos, demasiados enganos e
algún ataque que outro en función do Goberno de turno”, sinalou Feijóo,
que tamén incidiu na transparencia e na necesidade de informar aos
galegos de como está o tren de alta velocidade.
Así se fixo cando
no ano 2016 se elaborou o primeiro informe sobre o grado de execución
das obras do tren de alta velocidade ante a situación de bloqueo
político que se viviu en España. Naquela ocasión, o informe contrastouse
co Goberno central, que fixou o obxectivo de que as obras estivesen
finalizadas a finais de 2019.
Posteriormente, en xuño de 2018 o
Consello coñeceu un segundo informe que acreditaba que o cronograma
fixado para o remate a finais de 2019 era viable e realista. De feito, o
hoxe presidente en funcións, Pedro Sánchez, confirmou que o Goberno
estaba en disposición de cumprir os prazos comprometidos, algo que
ratificaron posteriormente tanto o ministro de Fomento como a presidenta
de Adif.
Sen embargo, “menos de un ano despois desas
manifestacións, e cando estamos a 60 días de vencer o prazo, os galegos
carecemos de garantías de que este prazo se vaia cumprir e, ao
contrario, consideramos que existen razóns de preocupación”, lamentou o
presidente da Xunta.
Segundo o informe elaborado pola Consellería
de Infraestruturas e Mobilidade, con toda probabilidade, a posta en
servizo do treito Zamora-Pedralba da liña Galicia-Madrid non se
producirá neste ano 2019 e se atrasará ata ben entrado o 2020, dado que
se produciu un notable retraso sobre o prazo previsto de finalización
das obras e de inicio das probas. De feito, o tren laboratorio de Adif
non empezou a circular nese tramo ata xuño de 2019, isto é, seis meses
despois do estipulado.
No tocante á liña Pedralba-Ourense, cuxo
completo remate se comprometeu para finais desde ano 2019, detéctanse
certas incertezas en relación cos prazos previstos para a execución das
bases de montaxe así como os prazos dos contratos de subministro de
material. Pero considérase especialmente preocupante o grao de execución
da montaxe de vías, especialmente na vía esquerda e, ademais,
detéctanse considerables atrasos na electrificación e nos traballos de
control de seguridade dos túneles.
No que respecta á liña
Ourense-Monforte-Lugo, o presidente sinalou que o único contrato
licitado nos últimos 16 meses afecta aproximadamente ao 15% da liña e o
85% restante non está nin licitado. Dado que o prazo previsto de
execución do único contrato licitado é de 20 meses, “é imposible que no
ano 2021 a electrificación da liña estea finalizada”, sinalou Feijóo,
tendo en conta que non hai ningunha obra en execución nesa liña.