A conselleira do Mar, Rosa Quintana,
presidiu hoxe o Consello Galego de Pesca no que, entre outros asuntos,
se expuxeron os resultados do informe Impacto económico para a frota
palangreira de superficie galega da prohibición do cercenamento das
aletas dos tiburóns, elaborado pola Universidade de Santiago e que
revela que a prohibición de desembarcar cortadas as aletas dos tiburóns
supón unha mingua nos ingresos da frota palangreira española
-principalmente galega- de ata dez millóns de euros anuais.
O
estudo, elaborado polo Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e
dos Recursos Naturais, analiza o impacto da normativa que impide cortar a
bordo as aletas ás quenllas e marraxos e incide en que esa obriga leva
aparellada unha redución na capacidade de almacenamento das bodegas dos
barcos e unha minoración do valor do peixe que provoca importantes
prexuízos económicos para a frota comunitaria en relación coas doutros
países non obrigados a cumprir esa regulación.
Por iso, a
conselleira do Mar explicou que Galicia volverá a pedir ao Estado que
defenda firmemente ante a Unión Europea e ante a Comisión Internacional
para a Conservación do Atún Atlántico (Iccat) e outras organizacións
rexionais de pesca a necesidade de estender a todas as frotas a
prohibición de cortar as aletas aos tiburóns para homoxeneizar a
situación e acabar con esas desvantaxes nas que se atopan os buques
palangreiros galegos.
“Estamos a falar disto nun momento no que o
gasóleo aínda ten un prezo asumible e as empresas poden manter a súa
viabilidade, pero se se dese a circunstancia dunha suba do combustible,
unha frota tan dependente dos carburantes vería seriamente prexudicada a
súa rendibilidade”, lamentou Rosa Quintana, que lembrou que os buques
galegos de palangre de superficie desenvolven unha actividade
sustentable e responsable cos recursos.
A conselleira incidiu
ademais en que se trata “dun informe independente”, polo que pedirá que
sexa tido en conta polas autoridades españolas e comunitarias. “Nós xa
viñamos demandando a necesidade de non ter normas tan restritivas que,
desde o noso punto de vista, prexudican moito á nosa frota pesqueira en
relación con outras. Agora contamos cun estudo oficial que o documenta”,
aseverou a representante do Executivo galego.
O Consello Galego de Pesca, que gardou un minuto de silencio en recordo do mariñeiro do pesqueiro Novo Cristo da Laxe
falecido esta semana, tamén abordou outros asuntos como o estado da
pesqueira de cigala en augas do Cantábrico -na zona VIIIc-, sobre a que
se analizou un informe elaborado polo sector que mostra que a especie se
encontra en mellor situación da que a Comisión Europea recoñece. “Aquí
trátase de traballar con argumentos sólidos, con base científica, e ser
capaces de convencer a Bruxelas para que sexa coherente co estipulado na
Política Pesqueira Común (PPC) e facer a pesca sustentable nos tres
eidos, no medioambiental, no económico e no social”, concluíu a titular
de Mar.
O pleno do Consello Galego de Pesca tamén analizou outros
asuntos como a proposta de elaboración dun ditame de posición ante a
Unión Europea para renovar o acordo de pesca con Mauritania ou as
informacións recadadas en relación á nova norma estatal que obriga a
controlar o horario laboral no sector pesqueiro e que a frota galega
rexeita por ir en contra das características da propia actividade.