O BNG asinou hoxe en Barcelona a Declaración Llojta del Mar xunto con
outras forzas soberanistas, declaración que recolle a
necesidade de alcanzar un acordo político na defensa dos seguintes puntos:
o dereito á autodeterminación dos nosos respectivos
pobos, o carácter democrático e pacífico de
toda a nosa acción política, a liberdade dos
presos políticos e o retorno dos exiliados, as
liberdades civís e políticas e as políticas
sociais e económicas que permitan o progreso dos nosos pobos.
A representación do Bloque
estaba integrada polo coordinador da area de Organización, Bieito Lobeira; polo
coordinador da area de Exteriores, Rubén Cela, e pola vice-coordinadora de
Comunicación, Olalla Rodil.
“A declaración é unha chamada de atención diante da
grave involución democrática do Estado español. O que acontece en Cataluña non
é simplemente un problema nacional ou territorial, como se di moitas veces,
senón un problema de dereitos democráticos, mostra a incapacidade do Estado
español para actuar desde o diálogo democrático, a súa única resposta é a
represiva", indicou Lobeira.
"Todas as organizacións que asinamos entendemos
que unha situación coma esta esixe unidade de acción para a denuncia e tamén
para a defensa das liberdades, os dereitos e o recoñecemento democrático dos
nosos pobos. O BNG estivo, está e estará sempre nesa posición", recalcou o
responsable de Organización.
Pola súa parte, Olalla Rodil declarou: "non pode
ser que en España existan grupos que fan apoloxía da ditadura franquista, que
se poidan exhibir bandeiras franquistas, que vexamos un acto vergoñento coma o
de onte no Val dos Caídos e que non pase nada, que a xustiza, a política e os
medios miren para outro lado, e que en cambio se reprima a quen desde o
pacifismo e a defensa da democracia e as liberdades traballa para que o seu
pobo poida decidir".
Texto da declaración
Diante da decisión da xustiza española
de condenar os lexítimos representantes do pobo de Catalunya e aos líderes das
organizacións sociais que fixeron posíbel o referendo do 1 de outubro de 2017,
e fronte á grave restrición que esta sentenza imprimirá á acción política de
agora en diante, as forzas políticas que subscribimos esta declaración desexamos
compartillar cos nosos pobos, así como coa opinión pública do Estado español, a
Unión Europea e dos países do mundo, as seguintes reflexións:
1. Máis de catro décadas despois da
aprobación da Constitución Española de 1978 constátase a imposibilidade dunha
plena democratización do Estado pola resistencia das vellas estruturas do
réxime anterior e pola falta de vontade política dos grandes partidos españois.
A innegábel modernización do Estado en moitos ámbitos non chegou a sectores
fundamentais para un funcionamento democrático homologábel. Determinados
ambientes políticos, xudiciais, económicos, policiais e mediáticos impediron,
por acción ou omisión, que España se transformase nun Estado plenamente
democrático e moderno como os da súa contorna europea.
2. Durante os últimos anos, coincidindo
coa aparición de grandes correntes políticas, tanto a nivel estatal como das
súas minorías nacionais, que cuestionaron o resultado da Transición, o Estado
entrou nunha etapa de regresión cara unha política de carácter cada vez máis
autoritario, menos democrático e máis represivo. Esta reacción antidemocrática
atinxiu por igual tanto aos diferentes pobos hoxe integrados no Estado español
como aos movementos de ámbito estatal que piden unha modernización do Estado e
a superación definitiva do réxime anterior. A restrición de dereitos e
liberdades é hoxe evidente aos ollos de toda a cidadanía.
3. A falta de respecto ao
dereito á autodeterminación que España asumiu e recoñeceu ao asinar o Pacto
Internacional polos Dereitos Civís e Políticos é o corolario dun cada vez maior
compendio de retrocesos democráticos que padecen as nosas nacións: ningún
recoñecemento nin respecto á plurinacionalidade, ningunha separación de
poderes, ameazas continuas de suspensión da autonomía, do autogoberno e de
dereitos históricos a través de calquera vía, recorte permanente dos nosos
respectivos niveis de autogoberno a medio do intervencionismo do Tribunal
Constitucional e unha acción lexislativa recentralizadora, detencións
arbitrarias de líderes políticos e sociais, persecución policial de activistas
e actividades políticas de carácter non-violento, políticas penitenciarias e
lexislacións excepcionais, persecución de artistas e publicacións, etc.
4. En consecuencia, e moi
seriamente preocupados polos graves efectos que terán as sentenzas contra os
líderes políticos e sociais cataláns para o exercicio de dereitos fundamentais
de toda a cidadanía, constatamos a necesidade de alcanzar un acordo político
para unírmonos na defensa dos seguintes puntos:
A. O dereito á
autodeterminación dos nosos respectivos pobos
B. O carácter
democrático e pacífico de toda a nosa acción política
C. A liberdade dos presos políticos e o retorno
dos exiliados
D. As
liberdades civís e políticas
E. As políticas sociais e económicas que permitan o
progreso dos nosos pobos
5. Desde a defensa destes
contidos, asumimos e manifestamos o noso compromiso coa procura de solucións
democráticas e estábeis ao conflito político que os nosos pobos manteñen no seo
do Estado español.
6. Por último, apelamos á
comunidade internacional a posibilitar, apoiar e promover as devanditas
solucións.
Departamento de comunicación