O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelou hoxe á
“dinámica de progreso” que existe en Galicia, como quedou patente nas
últimas citas coas urnas, para construír a partir do vindeiro 10 de
novembro un goberno progresista “sólido e con maioría suficiente”. “Non
podemos permitir non votar fronte ao risco que supón o pacto da dereita
coa ultradereita. Cun Casado que non é competente, nin ten a formación
que din os seus títulos, nin loita contra a corrupción do PP, e que vai
ser o títere de Abascal”, sentenciou Gonzalo Caballero, consciente de
que todo pode decidirse “por un voto”.
“Xogámonos o país
que queremos para o futuro”, sinalou o líder dos socialistas galegos
ante máis de 1.500 persoas nun mitin na Coruña en compañía do presidente
do goberno, Pedro Sánchez, e puxo en valor “os avances sociais”
conquistados en 14 meses de goberno do PSOE. “O PP non
subía as pensións e agora suben; o PP quitou o carácter universal da
sanidade pública e agora hai sanidade para todos; o PP non desenvolvía o
pacto de Estado contra a violencia machista e agora temos o feminismo
por bandeira”, resaltou, e engadiu: “Tivo que chegar o PSOE para volver a
poñer á cidadanía na axenda”.
Ademais, Gonzalo Caballero
destacou que Pedro Sánchez “cumpriu” ao retirar ao ditador dun mausoleo
concibido para a súa exaltación. “Era unha páxina pendente na historia
do país e hoxe temos unha democracia máis perfecta”, celebrou o máximo
dirixente do PSdeG.
“O cambio político vai chegar"
En
paralelo, Gonzalo Caballero sinalou que “o mesmo que lle pasou a Rajoy
en España vaille pasar a Feijóo en Galicia”, onde “vai chegar o cambio
político” o ano que vén. Ao fío disto, falou da foto que
fixo onte Feijóo cos presidentes de Murcia, Andalucía e Madrid, onde o
PP goberna con Vox. “Temos que quitar a máscara a Feijóo fronte á súa
campaña de marketing”, apuntou, toda vez que “non foi bo xestor, posto
que triplicou a débeda autonómica”, nin tivo “prioridade social” á vista
das continuas mobilizacións en defensa da sanidade pública en todas as
bisbarras galegas.
“Fai falta un novo goberno na Xunta”, proclamou o secretario xeral do
PSdeG, crítico con que Feijóo quedou “descolocado” tralas “labazadas
electorais” que está levando.
“Agora vai de mentira en
mentira”, sinalou, en alusión á estratexia de que “todo lle parece mal”
cando goberna Pedro Sánchez pese a que antes facía “chitón” ante o
executivo de Mariano Rajoy. “Primeiro era o financiamento autonómico,
pero o goberno socialista xa fixo as entregas a conta; despois a
industria, e o goberno concedeu 42 millóns de euros ás industrias
galegas…”, profundou.
"O Goberno "cumple con Galicia"
E,
despois de que Gonzalo Caballero puxese en valor a estratexia de
“transición ecolóxica xusta” do goberno de España, que permite loitar
contra o cambio climático manténdose ao lado dos traballadores, Pedro
Sánchez asegurou que o seu goberno “no dejará a nadie atrás”, sino que
“defenderá, apoyará y dará oportunidades a las comarcas que están
sufriendo el cambio de modelo energético”.
Do mesmo
xeito, o presidente recalcou que o seu goberno “cumple con Galicia”,
tamén no que atinxe á chegada da alta velocidade ferroviaria a esta
comunidade. “Y dentro de poco estará Gonzalo como presidente para
aprovechar el enorme caudal de oportunidades que representará el AVE
para multiplicar la prosperidad y el progreso de esta tierra”, concluíu.
“Un gobierno progresista y estable"
Ademais,
Pedro Sánchez sinalou que “necesitamos un gobierno progresista
coherente y estable” a partir do 10 de novembro porque “no son menores
ni débiles los desafíos y amenazas que tiene España”, como o
arrefriamento da economía, o Brexit ou a cuestión de Cataluña. “Las
grandes amenazas y desafíos exigen un gobierno fuerte, y el único
partido que puede garantizar un gobierno fuerte es el PSOE”, esgrimiu,
para chamar a todos a “unirnos en torno a la única fuerza serena que
garantiza la convivencia, la concordia, la paz y la libertad”.
Canto
ás eleccións, lamentou que “se ha impuesto el bloqueo” al “manipular el
voto” da maioría da cidadanía que apoiou ao PSOE. Iso si, deixou claro
que “el bloqueo es un callejón sin salida del que se sale votando de
manera mayoritaria” ao PSOE o vindeiro 10 de novembro.
“Non queremos esa España gris"
A encargada de abrir o acto foi a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quen
tivo palabras de lembranza para a histórica militante Pilar Valiño,
falecida recentemente, quen asegurou tamén que o 10 de novembro
decidimos se queremos “volver a aqueles que non cren na igualdade de
dereitos, na España plural e nos servizos públicos”.
E, tras dar por feito que “o PSOE volverá gañar as eleccións” xerais,
a rexedora da cidade herculina prognosticou tamén que Gonzalo Caballero
será presidente da Xunta o vindeiro ano.
Pola súa banda,
Pablo Arangüena, número dous ao Congreso pola Coruña, recalcou que
“necesitamos un goberno socialista” que representa “o progreso, a luz, a
razón, o humanismo e o futuro” fronte a quen simboliza “a sen razón, a
escuridade, o pasado”.
“Non podemos permitir un goberno
condicionado pola ultradereita, pola negación dos dereitos e liberdades
que tanto tardamos en acadar”, incidiu Arangüena, crítico con aqueles
que queren “restar dereitos, restar liberdades e restar futuro” pese ao
“sarcasmo” de que se queiran facer chamar “España suma”.
“Temos
que dicir co noso voto que non queremos esa España gris e rancia”,
continuou o tamén vicesecretario xeral do PSdeG, partidario de contar
“cunha axenda social” e de facelo tamén en Galicia o ano próximo con
Gonzalo Caballero á fronte da Xunta. Departamento de comunicación