O conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, compareceu hoxe no Parlamento acompañado do seu equipo
para expoñer as contas e liñas de actuación do seu departamento en 2020,
un ano decisivo na preparación do Xacobeo 21, obxectivo no que a Xunta
investirá 82 millóns de euros. Dáse así un impulso decisivo á
planificación do Ano Santo, que se está a levar a cabo con máis
antelación que nunca para permitir que se faga sentir en toda Galicia.
Román
Rodríguez sinalou que Cultura e Turismo disporá dun orzamento de máis
de 157 millóns de euros, o que supón un crecemento de case o 9%,
converténdose na consellería con maior crecemento porcentual. “Esta
subida fala do compromiso da Xunta coa cultura e o turismo do país,
parte fundamental do noso presente e do noso futuro, en liña co enorme
reto ao que nos enfrontamos: o Xacobeo 21”, subliñou.
“Son uns
orzamento coherentes”, resumiu o conselleiro. “Coherentes -afirmou- co
traballo que levamos feito desde a creación hai apenas un ano desta
consellería. E coherentes cos nosos sectores e industrias culturais e co
noso traballo para consolidar un modelo turístico propio”. Nesta liña,
enmarcou a aposta do Goberno galego “por poñer en valor, en todo o
mundo, o Camiño de Santiago, e con el a Galicia enteira, dando forma a
un Xacobeo extraordinario que defina a Galicia da próxima década”.
Albergues, restauración e sinalización
O
titular de Cultura e Turismo da Xunta detallou os orzamentos das
distintas áreas da conselleira, pero antes resumiu as contas do
Executivo autonómico para o Ano Santo, que cumpren co establecido no
Plan Estratéxico do Xacobeo 21 presentado o pasado verán baixo tres
principios: sustentabilidade, participación e descentralización.
Así,
dos 82 millóns previstos para o próximo exercicio, 62 proceden de
Cultura e Turismo e os 20 restantes distribúense entre distintas
consellerías, enriquecéndose ademais coas achegas da sociedade civil a
través do programa de patrocinios e á espera dun plan, ben definido e
calendarizado, por parte do Goberno central.
“É un orzamento que
non se destinará unicamente a actuacións en Santiago de Compostela nin
só aos concellos polos que pasa o Camiño -declarou o conselleiro-, senón
que se estenderá a todas as cidades e pobos da nosa Comunidade”.
Entre
os principais plans, enumerou o Plan de Mantemento dos Camiños, con
3,7M€; o Plan de Embelecemento, con 1,2M€; o Plan de Albergues, que
ascende a 8M€; o Plan de Sinalización, que en 2020 se corresponde co
Camiño de Inverno, con 3M€; o Plan de BICS, con 4M€, ou a finalización
do proxecto do Monte do Gozo, entre outros.
10 millóns para a programación
Román
Rodríguez adiantou que a Xunta está traballando no deseño da
programación do Xacobeo 21, que contará con 10 millóns de euros en 2020 e
será presentada a finais de ano e que chegará a toda a Comunidade. Así
mesmo, puxo en valor o éxito da primeira edición de O teu Xacobeo, o
programa autonómico de 4,7M€ “co que todos os galegos están definindo un
Xacobeo á súa medida” e que terá unha segunda edición.
Referiuse,
igualmente, ás actividades de promoción, cun valor de 4 millóns de
euros; ou a proxectos novidosos como a produción audiovisual 3 Camiños.
Medidas todas que, como apuntou, “reverten directamente na mellora da
competitividade e na modernización do noso tecido turístico e cultural” e
xeran sinerxías entre ambos.
Analizadas as partidas dedicadas ao
Xacobeo 21, o conselleiro fixo unha valoración global dos orzamentos do
seu departamento, nos que medran todos os capítulos. A este respecto,
reflexionou sobre a capacidade investidora da Consellería de Cultura e
Turismo, “cuxo maior esforzo orzamentario vai ao tecido produtivo,
xerando oportunidades e riqueza directamente no peto dos galegos e das
galegas”.
Equipos de dinamización lingüística
Na súa
análise por unidades, Román Rodríguez resaltou o incremento do 5,3% dos
fondos cos que contarán en 2020 as políticas lingüísticas, “unha parte
fundamental da nosa identidade como pobo e unha ferramenta de
integración e convivencia”.
Como explicou, o incremento
destinarase a fomentar un maior uso do galego nos ámbitos familiar, de
lecer e socioeconómico. Así, dará respaldo ao Plan de Dinamización da
Lingua na Mocidade, presentado este ano na Cámara, e potenciará sectores
como o editorial e libreiro. Do mesmo xeito, veranse melloradas as
partidas para investigación de bolseiros no Centro Ramón Piñeiro (un
17%) ou a colaboración coa Real Academia Galega (un 7,4%). Os recursos
para os equipos de dinamización lingüística nos centros educativos tamén
saen reforzados con un 11% máis de fondos. Ademais, haberá máis
lectorados e porase en marcha o Celga 2 en liña, co que se completará
todo o plan de formación Celga en liña do Goberno autonómico.
Apoio ao libro galego e aos museos
A
aposta pola cultura é outro dos elementos definitorios das contas da
consellería para 2020, toda vez que expande o seu crecemento un 5,4%
nesta partida para poñer en marcha e desenvolver a Estratexia da Cultura
Galega. “Trátase dunha folla de ruta para fortalecer a industria
cultural; asegurar os servizos públicos básicos como bibliotecas, museos
ou arquivos; estender a produción e a distribución da cultura de base, e
crear canles estables para unha maior colaboración entre os
promotores”, resumiu.
Entre outras melloras, puxo en valor as
transferencias ao Consorcio de Santiago ou as axudas para equipamentos
de concellos e entidades sen ánimo de lucro, así como o aumento en
materia de fomento de actividades en arquivos e museos, “unha suba que
-recordou- prepara o camiño para a aplicación da nova Lei de Museos”,
que entra na súa fase final de tramitación. No ámbito da lectura, Román
Rodríguez puxo tamén en valor que o apoio ao libro galego medra un 5%,
ao igual que as feiras internacionais.
Coidado do noso patrimonio
O
conselleiro debullou tamén as partidas dirixidas ao patrimonio
cultural, con máis de 16M€ para traballar nos eidos da conservación e a
rehabilitación. Entre as actuacións que se iniciarán atópanse algunhas
tan destacadas como a igrexa de San Pedro en Lugo, con 800.000 euros;
Santa María a Maior en Pontevedra, o Convento de Herbón, a Catedral de
Ourense, as igrexas de Angustias e Dores en Ferrol, a Capela da illa de
Cortegada ou a igrexa de San Vicente, en Pantón, entre outros proxectos
previstos.
O conselleiro detívose especialmente no estado das
obras de restauración da Catedral de Santiago, que encaran a recta final
ante a inminencia do Xacobeo 21. Román Rodríguez anunciou que a Xunta
investirá case 800.000 euros, necesarios para rematar proxectos en
marcha e garantir así que as obras estean finalizadas o próximo ano. Na
súa comparecencia, fixo balance do estado dos traballos, froito do
investimento de 17M€ comprometidos en 2014 polo Goberno de Mariano
Rajoy. En concreto, o 80% está xa rematado ou en execución e o 10%
restante está en proceso de licitación. Así mesmo, seguirán os
traballos nas candidaturas a Patrimonio Mundial da Unesco: Ribeira
Sacra, Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas e o Ferrol da
Ilustración.
Potenciación do turismo interno
No ámbito
específico do turismo, Román Rodríguez sinalou que a Axencia Turismo de
Galicia verá incrementado o seu orzamento nun 15%, o que dará cobertura
económica suficiente “para traballar por un turismo de calidade e
innovador” e desenvolver os plans e programas do Xacobeo 21, que están
vencellados e integrados na axencia.
De xeito específico,
referiuse a iniciativas como o Plan MAT de Mellora de Aloxamentos
Turísticos, que agora se estenderá tamén a establecementos de
restauración, e o apoio ao propio sector e aos concellos e xeodestinos,
ademais da promoción nacional e internacional para seguir abrindo novos
mercados emisores.
Xunto ao investimento no Centro Superior de
Hostelería de Galicia (CSHG), de 1,5M€ e fondos específicos para
convertelo nun polo de innovación, avanzou diversas novidades para Sinte
Galicia, o programa de estadías que se estreará en 2020 para potenciar o
turismo interno, propiciando que mozos, familias e maiores coñezan
mellor as distintas provincias galegas. “Será financiado con 800.000
euros na súa posta en marcha, abrindo máis de 6.000 prazas”, comentou o
conselleiro Román Rodríguez.
Festivais e coprodución minoritaria
No
que respecta á Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), expuxo
que manterá as súas principais liñas de actuación, entre as que citou a
dotación da Rede Galega de Teatros e Auditorios e a Rede Galega de
Música ao Vivo, así como o apoio ao desenvolvemento e á produción do
sector audiovisual. A Xunta potenciará as axudas ao talento de novos
creadores ou a internacionalización das empresas.
Os festivais
verán tamén reforzado o seu apoio por parte do Goberno autonómico, tanto
a través das axudas en concorrencia competitiva como da plataforma Fest
Galicia, que aposta por valores como a igualdade ou a sustentabilidade.
En conxunto, superarán os 500.000 euros para seguir consolidando o
sector e impulsar Galicia como destino musical.
Unha das novidades
da Agadic en 2020 serán as axudas á coprodución minoritaria, unha
iniciativa pioneira en todo o Estado para facilitar que as empresas
galegas poidan participar en grandes producións e fomentar así a súa
internacionalización. Tamén no apartado de artes escénicas a Xunta
aumentará as axudas á creación ata os 800.000 euros e renovará o seu
compromiso co proxecto Camiño Escena Norte, propiciando a circulación de
compañías galegas por Asturias, Cantabria e País Vasco.
Culminación da Cidade da Cultura
O
conselleiro pechou a súa intervención coa Cidade da Cultura, que se
está convertendo “nunha infraestrutura cultural de primeira orde,
humanizada e integrada na sociedade e perfectamente comunicada”. Tras
lembrar que traballan xa nela 700 persoas e reúnen nos seus eventos a
170.000 persoas cada ano, celebrou que este proxecto rematará en 2020
coa culminación do Edificio Fontán, con 5,7M€ de investimento e a achega
de 2,4 de fondos do Estado a través do CSIC. Entre outras dotacións,
acollerá o CEIPAC, un centro de investigación referencial en España no
estudo da paisaxe e dos itinerarios culturais, que se converterá nun
observatorio permanente do Camiño de Santiago.