A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional
dedicará en 2020 ao Sistema Universitario de Galicia o maior importe en
transferencias directas, arredor de 441 millóns de euros. Isto
representa un 2,63% máis que no actual exercicio e un 18% de crecemento
con respecto a 2015. Así o explicou esta mañá a titular do departamento
educativo da Xunta de Galicia, Carmen Pomar, durante a presentación no
Parlamento das contas da Consellería para o vindeiro ano.
No
Orzamentos 2020 o compoñente estrutural do Plan de Financiamento das
Universidades 2016-2020 –que inclúe os incrementos retributivos do
persoal das universidades– ascende a mais de 335 millóns. A eles súmanse
as transferencias de crédito ás universidades, que acadan un importe de
76,7 millóns e experimentan tamén unha suba do 3,1 por cento, polo
incremento do crédito asociado a resultados de investigación e
transferencia de coñecemento, así como no panel de indicadores do Plan.
Engádese tamén a partida dirixida a bolsas, que se mantén.No
referido a Universidades a conselleira destacou tamén a partida de 64
millóns de euros para Investigación Universitaria, un 4,3% máis ca este
ano, co fin de seguir construíndo un modelo de I+D+i no SUG que sexa un
referente a nivel estatal.
Aposta polas persoas
Na súa comparecencia a conselleira fixo
fincapé en que o orzamento de 2.447,6 millóns euros do que disporá o seu
departamento o ano próximo (un 2,34% máis ca en 2019) “é importante na
medida en que serve ás persoas actoras no sistema educativo, ao alumnado
en primeiro lugar, ás familias e ao profesorado”. Neste sentido
destacou que Galicia é a terceira comunidade en investimento por alumno
(descontando as que contan con réxime foral), con 6.598 euros/alumno en
centro público, “que son 1.000 euros máis que a media española”.
Ademais,
o programa “Prevención do Abandono Escolar” dos orzamentos do ano
próximo acada unha cifra de máis de 26,2 millóns, para continuar
diminuíndo a taxa de abandono educativo temperá. O ano 2020 é o fito que
a Unión Europea marca para que o abandono educativo temperá se sitúe
por debaixo do 10 por cento, porcentaxe que no caso de España se fixa no
15 por cento. A finais de 2018 Galicia cumpriu xa co obxectivo da Unión
Europea para o 2020 en España: baixar dun 15% nesta taxa. “No ultimo
trimestre deste ano está xa no 12,7 por cento, cumprindo así o ambicioso
obxectivo que fixaba o Plan Estratéxico de Galicia do 13 por cento para
o ano 2020”, sinalou Pomar.
Así mesmo lembrou que as nóminas
directas e indirectas (persoal docente e non docente e investigadores)
supoñen o 89% do total do orzamento da Consellería. Nesta liña,
comprometeuse a seguir dando cumprimento ao acordo de homologación
salarial dos docentes, “que permite que as súas retribucións estean por
riba da media dos seus compañeiros noutras Comunidades Autónomas”; así
como a lanzar unha nova Oferta Pública de Emprego (OPE) que supere as
cifras do presente ano, con preto de 90 especialidades, “para reforzar a
Galicia como a comunidade coa taxa máis baixa de interinidade de
España”. Neste sentido recordou que desde 2009 se teñen convocado máis
de 9.000 prazas.
No marco do compromiso coa peza clave do sistema
educativo, os docentes, Carmen Pomar explicou que as contas do 2020
inclúen 7,2 millóns de euros para formación xeral e específica do
profesorado, “a cifra máis alta de toda a serie histórica para investir
no activo mais importante do sistema”.
Libros de texto e servizos complementarios
No
referido ás familias, seguiranse mantendo as axudas para libros e
material escolar, así como os servizos complementarios de comedor e
transporte. Deste xeito, as axudas a material escolar, “unha partida que
non existe noutras comunidades autónomas”, contarán con 5,5 millóns de
euros. Ademais haberá máis de 5 millóns de euros para axudas á compra
de libros de texto e duplícase a dotación existente o ano pasado (ata
acadar os 10,3 millóns) para permitir mudar os libros no fondo
solidario, pero tamén para incrementar a cifra destinada a distintas
accións de bibliotecas escolares, que supera os 2,5 millóns. Nesta mesma
liña, a dotación para material didáctico Edixgal (que lles proporciona
ás familias libros electrónicos de balde) ascende a preto de 800.000
euros, cun incremento do 14,5%.
No caso dos servizos educativos
complementarios –comedores e transporte-, o orzamento acada os 108,4
millóns de euros. A partida correspondente a comedores escolares
mantense nas mesmas magnitudes que o ano anterior, é dicir 28,8 millóns,
o que permite que máis de 62.000 alumnos accedan ao comedor, o 84% de
xeito gratuíto ou pagando un euro por menú. A esa partida débese engadir
os máis de 18 millóns de euros en salarios dos máis de 700 profesionais
(cociñeiros e axudantes de cociña) que xestionan directamente os
comedores, o que supón un total de 46 millóns de euros.No caso do
transporte, os 79 millóns de euros destinados por Educación a este
servizo súmanse aos 50 millóns do transporte compartido xestionado pola
Dirección Xeral de Mobilidade e permitirán transportar a case 90.000
alumnos”.
A este importe debemos engadir algo máis de 1 millón destinado
ao transporte do alumnado que realiza os programas de reforzo educativo
fóra do horario lectivo”, especificou a conselleira.A este
respecto Pomar destacou que Galicia representa menos do 4,9% da
poboación escolar do conxunto do Estado, “pero consume o 27,2% do
conxunto de gastos a nivel nacional en transporte escolar e o 14,9% do
conxunto do gasto en capitulo I e II en comedores escolares, o que dá
boa conta do esforzo da comunidade autónoma nestes servizos
complementarios”.
Mellora das instalacións
Por outra
banda, a responsable de Educación na Xunta explicou que se seguirá
avanzando na mellora dos centros educativos, cun investimento de 43,3
millóns de euros (un 19% máis). Esta dotación vai permitir realizar 10
obras de rehabilitación integral e funcional, cun orzamento global de
8,6 millóns por importes próximos a 850.000 euros no caso dos Centros de
Educación Infantil e Primaria (CEIP) e Centros de Educación Especial
(CEE) e de 1.050.000 nos Institutos de Educación Secundaria (IES). As
obras realizaranse nos CEIPs Ramón de Artaza y Malvárez (Muros) e de
Melide Nº 1 (Melide), no IES Campo de San Alberto (Noia), na provincia
da Coruña; e no CEE Infanta Elena (Monforte de Lemos) e no CEIP Álvaro
Cunqueiro Mora (Mondoñedo), na de Lugo. Na provincia de Ourense as
intervencións realizaranse no CEE Miño en Ourense e no IES O Ribeiro
(edificio Abrente) (Ribadavia); mentres que na provincia de Pontevedra
os centros priorizados serán o CEIP Plurilingüe de Baño-Xanza (Valga) e o
Plurilingüe Xulio Camba (Vilanova de Arousa), así como o CPI Julia
Becerra Malvar (Ribadumia).
Ademais xa están en fase de redacción
os proxectos de rehabilitación enerxética dos CEIPs Plurilingüe de
Palmeira (Ribeira) e Plurilingüe Monte dos Postes (Santiago), do IES
Lamas das Quendas (Chantada), e dos CEIPs Plurilingüe Pedro Caselles
Rollán (Xove), Padre Feijoo (Allariz), Plurilingüe Curros Enríquez
(Celanova) e do Carballal (Marín). Estas melloras contan cunha partida
de 5,9 millóns de euros.
Os orzamentos permitirán tamén rematar o
novo CEIP Sagrado Corazón (Lugo) e o novo CEIP de Mesoiro (A Coruña),
así como continuar coa construción do novo CEIP de Vilalonga (Sanxenxo);
e existen partidas de reforma e ampliación para rematar a ampliación
do CPI Plurilingüe de Vedra, a ampliación do CEIP Agro do Muíño (Ames),
ou a construción dun aulario en Coirós.
A maiores figuran as
partidas iniciais para os proxectos do novo CEIP de Pazos de Rei en Tui e
dos novos CEIPs de Ames e Arteixo, “aínda que segue pendente a cesión
de terreos para os mesmos”, explicou Pomar. As contas inclúen
tamén unha dotación de 7,2 millóns de euros para intervencións en
centros de Secundaria e FP, entre as que se encontran as obras no novo
Centro de Innovación da FP en Ourense, no Politécnico de Santiago, a
ampliación do IES Sanxillao (Lugo), así como obras no IES Muralla Romana
e o CIFP Politécnico (ambos en Lugo), no CIFP Carlos Oroza (Pontevedra)
ou no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense). Dentro desta
partida atenderanse tamén as obras en dous edificios de carácter
histórico no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña) e o comezo da
intervención no IES Santa Irene (Vigo). O capítulo de obras
complétase con 7 millóns de euros destinados a reforma, ampliación e
mellora (RAM), que se executan desde as Xefaturas Territoriais.
Exercicio de responsabilidade
Carmen
Pomar incidiu en que o proxecto de orzamentos para 2020 “reforza un ano
máis o gasto social en Galicia, que medra en 275 millóns respecto a
este ano e acada os 7.400 millóns de euros, a cifra máis alta da
historia. Estes novos recursos permitirán incrementar o gasto directo en
sanidade, no ensino e nas políticas sociais”. “Galicia fai un exercicio
de responsabilidade e estabilidade presentado os seus orzamentos”,
salientou.
Estas contas, “feitas con rigor, axustadas as magnitudes
macro dos orzamentos da Xunta, que respectan o principio constitucional
de estabilidade, que dan cumprimento aos parámetros da Unión Europea, e
que son realistas” van permitir que os sistemas educativos
universitario e non universitario de Galicia “gocen de boa saúde, sexan
referencia para outros territorios e vaian mellorando os seus resultados
como ata o de agora”, rematou.