A
portavoz nacional, Ana Pontón, e candidata
por Pontevedra, Carme da Silva, mantiveron un encontro cunha ampla
representación de empresas galegas de diferentes sectores produtivos que
cotizan, xeran riqueza e emprego no país, con proxecto punteiros e innovadores
que van desde o ámbito cultural, alimentario, construción, turismo ou servizos.
Tras ese encontro en Pontevedra, o BNG
destacou o seu compromiso co sector empresarial galego do que vai ser un firme
aliado no Congreso tras o 10N.
“Temos un claro compromiso co tecido
empresarial do país”, salientou Da Silva, “o compromiso de traballar e di tirar
xuntas man a man con ese tecido empresarial galego que ademais é o que cotiza
aquí e xera ingresos, riqueza e emprego. Teñen no BNG un aliado
imprescindible”, recalcou a candidata nacionalista.
Coa forza das urnas, “estas empresas
que son innovadoras, que xeran emprego e riqueza van ter en nós unha forza
política aliada para empuxar naquelas cuestións que lles afectan: modernización
das infraestruturas, acadar costes enerxéticos adecuados, obter investimento en
innovación, “porque hoxe o coste está sendo asumido en solitario polas propias
empresas en sectores punteiros para a economía galega”, afondou a cabeza de
lista por Pontevedra.
Pola súa parte, a portavoz nacional
subliñou que as empresas que asistiron ao encontro, no que tamén participou o
rexedor pontevedrés, son unha mostra “do potencial de Galiza”, e deixan claro
“o que este país é capaz cando nós deixan producir, que somos capaces de sacar
adiante grandes proxectos que xeren emprego e riqueza”.
Un potencial “lastrado pola irrelevancia
política á que nos conducen as forzas estatais que nos demostran a diario que
pasan olimpicamente deste país”, criticou Pontón, de aí a urxencia de recuperar
voz propia en Madrid da man dunha forza que faga valer os intereses do tecido
empresarial galego.
“Temos un enorme potencial e para
desenvolvelo en toda a súa capacidade se necesita que o 10N teñamos voz propia ante
o Estado, e hai cada vez máis persoas que saben que Galiza perde cando o BNG
non está no Congreso, que a este país lle vai mal cando non ten forzas propias
para defender os nosos intereses”, argumentou.
Neste sentido, Pontón amosouse
convencida de que unha maioría social vai converter en oportunidade “o problema
creado polas forzas estatais”, unha oportunidade para Galiza, “a de facerse
valer, de recuperar peso político e de poñer en marcha una axenda galega para
defender un futuro mellor”.
A líder nacionalista destacou que ese
é o reto, “que tomamos con ilusión ao ver como medra o apoio ao BNG,
convencidas de que estamos ante unha gran oportunidade para ser capaces de dar
solucións aos sector naval, ás empresas electrointensivas, á estafa das peaxes,
ao saneamento das rías”, citou a modo de exemplo.
O 10N “non vai de Sánchez nin de
Casado, vai de Galiza, e temos que poñer o foco sobre os problemas e demandas
do país, cando hai quen prefire que se ignoren para falar doutros temas. Nós
queremos que se fale de Galiza”, concluíu. Departamento de comunicación