O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Caldas
en compañía do alcalde, Juan Manuel Rey, e do rexedor de Cuntis, Manuel
Campos. Dende alí abordou a enquisa do CIS, que reflicte que “a maioría
dos galegos queren que Pedro Sánchez siga sendo presidente do goberno”
porque “a Galicia vaille ben cun goberno socialista”.
“O PSdeG supera
ao PP en Galicia en estimación de voto, en voto, en simpatía, en
posibilidade de escanos...”, destacou Gonzalo Caballero, quen atribuíu
estes datos a que “os galegos xa non lle compran as mentiras continuas a
Feijóo”. De aí que o PP estea “tan nervoso”. “Porque non vai
conseguir gañar as eleccións en España”, concluíu o líder dos
socialistas galegos, que se amosou “cauto” en todo caso cos datos das
enquisas.
“Os votos, mentres non estean nas urnas, non son para
ninguén”, advertiu, para pedir ”unha mobilización masiva para que o 10
de novembro España e Galicia sigan progresando con Pedro Sánchez, e
facendo fronte ao risco de retroceso que implican Pablo Casado e
Santiago Abascal”. “Se o 10 de novembro hai unha mobilización masiva, o
Partido Socialista seguirá liderando o progreso en España e impediremos
o avance das dereitas en España e en Galicia”, concluíu Gonzalo
Caballero, consciente de que a Galicia cómprelle “un goberno que sube as
pensións, que aposta pola igualdade entre homes e mulleres, que sube o
salario mínimo interprofesional...”.
Ademais, o secretario xeral do
PSdeG reseñou a aposta do goberno de Pedro Sánchez pola industria
galega, despois de que aprobara 25 millóns de euros para Alcoa en San
Cibrao, de que atopara unha saída para Alcoa na Coruña, e do seu
traballo para incorporar ás Pontes nas zonas de transición ecolóxica e
apoiar aos traballadores de Endesa.
“A Xunta non cumpre"
En paralelo, a respecto dos orzamentos da Xunta, Gonzalo Caballero
criticou que “non cumpren co país nin coas necesidades da cidadanía”
No caso de Cuntis e Caldas, o líder dos socialistas galegos evidenciou
que “o goberno de Feijóo, durante 11 anos á fronte da Xunta, deulle as
costas aos veciños”.
“Son os alcaldes socialistas destes dous concellos os que
sacan adiante as políticas para paliar o déficit de inversión da Xunta“,
recalcou, consciente de que Feijóo “está fallando a Cuntis e a Caldas”
en materia de infraestruturas, de políticas sanitarias, de políticas
sociais e de desenvolvemento industrial e económico. Fronte a
este “abandono”, Gonzalo Caballero asegurou que “cando haxa eleccións
autonómicas, estaremos en condicións de darlle a Galicia un goberno de
progreso que terá que resolver todo aquilo que en 11 anos non resolveu o
PP nestes concellos”.
“Malestar" dos concellos coa Xunta
Pola súa banda, o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, fixo fincapé no
“malestar” do seu concello á vista do “trato vexatorio” que vén sufrindo
ano tras ano nos orzamentos da Xunta. “Nin un só euro para o
centro médico”, reprobou o rexedor, quen referiu tamén o esquecemento de
Feijóo do coidado do río Umia e do encoro da Baxe e a desatención á
concentración parcelaria “mentres di que quere que a xente quede no
rural”.
A estas tres “grandes reivindicacións” sumou outras cuestións
ausentes nos orzamentos como a seguridade vial e o saneamento da vila.
Do mesmo xeito, Manuel Campos, alcalde de Cuntis, criticou que “un ano
máis, non aparecemos nos orzamentos de Feijóo nin cun euro”. “Unha
desgraza”, resumiu, consciente das necesidades do seu pobo en materia de
infraestruturas, seguridade vial, saneamento, concentración parcelaria,
coidado do río... Con todo, o alcalde puxo o foco nos problemas de atención sanitaria
no seu concello, onde xa hai convocada unha manifestación o vindeiro
xoves. Ante os “recortes” da Xunta que derivan en falla de médicos de
atención primaria e de especialistas, como sinalou, tamén o PP local
sumouse a esta mobilización.