A Xunta de Galicia destinará á Sanidade
4.109,6 millóns de euros para o ano 2020. Trátase da partida
orzamentaria máis alta na historia da Consellería e supón un 40,5% do
total do presuposto do Goberno galego. Desta cantidade, o 32%, uns 1.300
millóns serán para a Atención Primaria. Así o subliñou o conselleiro de
Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que compareceu esta mañá na Comisión
de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para explicar
os orzamentos do seu departamento para o ano 2020.
O conselleiro
detallou que, no referido aos gastos de persoal, o orzamento do Sergas
ascende a 1.755 millóns de euros, o que supón o 43,39% do total, e que
son 59 millóns máis que o ano anterior. Isto implica un 3,50% de
crecemento, maior que o crecemento global do 3,1%. Este aumento responde
ao incremento de prazas comprometido no Plan Galego de Atención
Primaria e no Plan de Hospitalización a Domicilio para este exercicio, e
á dotación orzamentaria para o abono do 100% dos graos recoñecidos coa
implantación da carreira profesional.
O orzamento 2020
incorpora un total de 407 novas prazas, explicou Almuiña. Delas, 171
derivan dos plans que a Consellería de Sanidade aprobou neste ano. Por
unha banda, o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 que contempla a
dotación de 331 novas prazas en tres anos, correspondendo 147 delas ao
orzamento de 2020 . Ademais recolle a dotación do Plan de
Hospitalización a Domicilio 2019-2021 que supón 24 prazas de médicos e
enfermería. As 236 prazas restantes encádranse na apertura de novas
unidades, incremento de actividade, asunción de servizos prestados por
outras entidades, a integración dos servizos da resonancia nuclear
magnética de Galaria na Xerencia de Vigo, e a consolidación e
estabilización do emprego que ata agora tiña carácter non estrutural.
Tamén no aumento da oferta de persoal residente en formación para 2020,
destacando o incremento de 24 prazas na especialidade de medicina
familiar e comunitaria e 7 en pediatría.
Almuiña tamén lembrou
outras medidas como a aposta do seu departamento pola estabilidade
laboral coa execución do compromiso de 5.000 prazas no período
2017-2020, a continuidade das convocatorias dos procedementos de
mobilidade voluntaria, de carácter aberto e permanente, e a
flexibilización da idade de xubilación. Destacou tamén que en 2020
cumprirase o compromiso de pago do 100% dos graos recoñecidos coa
implantación da carreira profesional.
No referido as novas prazas
MIR-Formación especializada o conselleiro dixo que Galicia ofertará 457
prazas de formación sanitaria especializada, un 13,1% máis; a maior
oferta realizada. Destas prazas, 129 corresponden a especialistas en
Medicina Familiar e Comunitaria (24 máis), 27 en Pediatría (7 máis), e
61 a especialidades de enfermería (25 máis).
Investimentos en infraestruturas
No
apartado de investimentos, o presuposto será de 152,5 millóns de euros,
dixo Almuiña o que supón 14,9 millóns máis que en 2019, é dicir un
incremento do 10,8%. Dentro deste orzamento, destacan os 26 millóns para
construción e reforma de centros de saúde. Así está prevista a
finalización da construción e equipamento de novos centros de saúde nos
concellos da Estrada, O Saviñao, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar,
Salceda de Caselas e O Milladoiro. Continuarase coa construción
iniciada no ano 2019, do centro integral de saúde (CIS) no Barrio da
Residencia, en Lugo, así como a dos centros de saúde de Narón e Melide e
iniciarase o de Bouzas, en Vigo. Tamén se continuarán as actuacións de
reforma para a mellora da eficiencia enerxética dos centros de saúde de
Mugardos e As Pontes.
Recóllese tamén o inicio da ampliación do
centro de saúde en Conxo, en Santiago, o novo CIS Olimpia Valencia en
Vigo, e a ampliación do centro de saúde do Porriño, así como a
construción dun CIS en Lalín. Ademais está previsto realizar actuacións
de reforma nos centros de saúde de Bertamiráns e Ortigueira. Tamén hai
unha serie de proxectos pendentes da cesión de terreos, como son o
centro de saúde de Santa Lucía, na Coruña, os de Moaña, O Grove,
Abegondo, Poio, Cangas e Caldas e a ampliación do dos de Soutomaior e
Vilagarcía de Arousa.
Segundo referiu o conselleiro, tamén se
contemplan nesta partida, a mellora das infraestruturas sanitarias dos
centros hospitalarios, para as que se destinan 116,7 millóns de euros.
Así, entre outros investimentos, destaca na Área sanitaria de Ferrol a
execución das obras do Plan Director con 17´4 millóns de euros e na Área
da Coruña uns 4,8 millóns de euros entre a reforma da base do 061 e o
Plan Director do Novo Hospital. Na Área de Santiago destinaranse uns 2,5
millóns de euros para o Complexo Hospitalario de Santiago e o Hospital
da Barbanza, mentres que na a Área de Lugo, A Mariña e Monforte
investiranse uns 5 millóns de euros, para a finalización das obras de
ampliación do Hospital da Mariña e a dotación de equipamento e para a
realización de Realizaranse actuacións de reforma e equipamento no
Hospital de Monforte.
En canto á Área de Ourense, Verín e
Valdeorras, o orzamento previsto é duns 4,1 millóns de euros para a
finalización do proxecto da Fase I da reprogramación funcional do CHUO e
o inicio das obras. Tamén se contemplan diversas obras de reforma e
ampliación nos hospitais de Verín e do Barco de Valdeorras. Para a Área
de Pontevedra e O Salnés recóllese un total de 3,5 millóns de euros e
tras a expropiación, dará comezo a obra do Gran Montecelo. Na área
Sanitaria de Vigo investiranse uns 13,8 millóns de euros, continuando
coa execución das obras da envolvente térmica do Hospital Meixoeiro
dentro do plan de eficiencia enerxética e finalizando da Unidade de Mama
e dos servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear entre outras
actuacións.
Prevención e promoción da saúde
O conselleiro
fixo mención tamén ao programa de vacinación para o 2020, cun orzamento
de 16 millóns de euros e no que destaca o impulso aos cambios
introducidos no calendario infantil e no de adulto. Almuiña referiuse á
vacina do papiloma, que amplía a súa poboación diana e que aumenta a
protección contra máis xenotipos. Tamén destacou a entrada no calendario
infantil da nova vacina tetravalente meningocócica e a campaña de
vacinación da gripe, en vigor ata o 27 de decembro e na que, por
primeira vez, emprégase unha vacina tetravalente.
Entre outras
medidas que está a levar a cabo á Dirección Xeral de Saúde Pública, o
conselleiro destacou que aos programas de cribado, que contan cun
presuposto de 6 millóns de euros, engadirase o de cérvix uterino dende
decembro deste ano. Así mesmo, Almuiña explicou que o seu departamento
está a traballar na modificación da Lei do consumo de tabaco, no Plan
integral de prevención da obesidade infantil e no mellor desenvolvemento
do Plan de control da cadea alimentaria.
Asistencia Sanitaria
Ao
referirse á asistencia sanitaria, o conselleiro fixo fincapé no Plan
Galego de Atención Primaria. Sanidade aposta por construír un novo
modelo de atención primaria, a través do diálogo e o consenso entre os
profesionais e a colaboración entre administracións e cidadanía. Este
traballo reflectiuse na creación do novo Plan Galego de Atención
Primaria 2019-2021 que recolle sete liñas estratéxicas, 53 obxectivos e
200 accións para implementar, sendo o 40% delas a curto prazo, e que
contará cun orzamento de 102 millóns de euros en tres anos.
O
conselleiro destacou tamén a implantación progresiva do Plan Galego de
hospitalización a domicilio, que ampliará os equipos de hospitalización a
domicilio ata os 60, dando asistencia ao 100% da poboación de Galicia
os 365 días do ano. Isto supón un investimento total de 2,5 millóns de
euros, un millón de euros no 2020. No vindeiro ano vanse crear 8 equipos
de hospitalización a domicilio: un en cada área sanitaria, ademais
doutro en Verín.
Almuiña detallou que Sanidade tamén contempla a
actualización do Programa galego do neno san, que vai presentar a Guía
de atención o proceso de morte e dó perinatal proximamente e que no 2020
vaise elaborar o Plan oncolóxico de Galicia. Tamén vanse actualizar os
procesos asistenciais integrados para enfermidades como a esclerose
múltiple e a enfermidade inflamatoria intestinal entre outras doenzas.
Así
mesmo, o titular da carteira sanitaria fixo mención ao Plan Estratéxico
de Saúde Mental 2020-2023, que se aprobará o ano próximo con cinco
liñas estratéxicas e 112 proxectos. Tamén se referiu o conselleiro a
implantación das vías rápidas para atención ao suicidio nas sete áreas
sanitarias para 2020.
Segundo destacou tamén Almuiña, o Sergas vai
ampliar as patoloxías contempladas no Decreto de garantía de tempos
máximos de acceso á atención sanitaria no ámbito hospitalario, e fixo
unha mención especial ao aumento do orzamento da farmacia hospitalaria,
por mor, fundamentalmente da chegada continuada de innovación
terapéutica.
Empresas públicas, fundacións e axencias
No
apartado referido ás empresas públicas, fundacións e axencias, Jesús
Vázquez Almuiña subliñou o aumento da dotación orzamentaria para a
Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que supera os 67 millóns
de euros para 2020, cun aumento próximo ao 30% respecto das
transferencias dos orzamentos do Sergas ao 061 realizadas no ano 2019. A
día de hoxe, o 061 dispón do maior número de ambulancias da súa
historia, dixo o conselleiro con 107 vehículos asistenciais de soporte
vital básico, 16 asistenciais de soporte vital avanzado e 2 ambulancias
convencionais, o que fai un total de 125 ambulancias.