A Consellería do Medio Rural abordará
este mes de novembro, no seo da xuntanza do Comité de Seguimento do
Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), a posibilidade de prorrogar as
axudas dirixidas ao agroambiente, clima e á agricultura ecolóxica, a
pesares de que rematou o período de compromiso de cinco anos iniciado no
ano 2015 (inclusive).
Así, cabe lembrar que, para realizar unha
prórroga dese compromiso iniciado en 2015 e rematado en 2019, tal e como
establece a normativa é preciso realizar unha modificación no PDR unha
vez que remata ese compromiso, cuestión que se levará a cabo
proximamente. Neste sentido, queda clara a aposta da Xunta por
beneficiar a todos os agricultores e gandeiros galegos de cara a
aumentar a súa competitividade e a mellorar as súas rendas.
Polo
tanto, a Xunta comprométese a abordar esta cuestión dada a relevancia
que ten para o sector, para compensar os custos asociados a métodos de
produción máis respectuosos co ambiente e coa conservación da paisaxe.
Os beneficiarios destas axudas son, na súa gran maioría, titulares de
explotacións de vacún de leite e de carne que orientan a súa produción a
prácticas gandeiras en extensivo e á conservación de razas gandeiras
autóctonas que se atopan en perigo de extinción. Ademais, tamén se
benefician destas subvencións os agricultores en ecolóxico.
Por
todo isto, e ante críticas partidistas e intencionadas dalgún axente do
sector nos últimos días en relación con diferentes ordes de axudas, a
Consellería do Medio Rural desmárcase de tales acusacións, que tan só
buscan facer política dos seus actos e das súas declaracións públicas,
causando desánimo no propio sector con informacións falsas e erradas.
Ao
fío disto, cabe lembrar que nos últimos meses a Xunta, a petición dos
beneficiarios das subvencións e tal e como fixo en anos anteriores,
ampliou o prazo de presentación da licenza municipal de obra e dos
diferentes permisos administrativos correspondentes ás axudas de plans
de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións.
Con esa
prórroga os beneficiarios tiveron ata o 15 de outubro para presentar a
documentación.Ademais, tamén cómpre recordar que Galicia estivo
entre as primeiras comunidades autónomas en pagar os anticipos das
axudas da Política Agraria Común (PAC) correspondentes á campaña
2019-2020.