SANTIAGO DE COMPOSTELA | A Xunta está a organizar para os
vindeiros 6 e 7 de novembro en Santiago de Compostela un evento europeo
clave no eido da innovación e a fabricación intelixente. O Innovation
& Manufacturing Brokerage Event reunirá no Pazo de Congresos e
Exposicións de Galicia a representantes da Comisión Europea, que
explicarán as diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o
programa Horizon2020, así como axentes clave da industria, centros de
coñecemento, investigadores e outros axentes como o Centro para el
Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI).
O obxectivo do encontro é
constituír unha plataforma para o intercambio de coñecemento e o
impulso de novos proxectos de I+D+i a escala europea. De feito, a
Comisión Europea ten programado o investimento de 200 millóns de euros
dentro do programa marco de investigación H2020 ata 2020 para proxectos
vinculados con fabricación avanzada, TIC e tecnoloxías dixitais.
A
Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia
Galega de Innovación (Gain) organiza esta xuntanza en colaboración coa
Comissão de Coordinação e Desenvolvemento Regional do Norte de Portugal e
a Agência Nacional de Inovação de Portugal, no marco da Estratexia de
Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, e
coa colaboración da Vanguard Initiative for New Growth through Smart
Specialisation, unha rede de rexións europeas creada para impulsar o
crecemento económico e social a través da innovación empresarial e
industrial, da que forman parte Galicia e Norte de Portugal.
O
evento ofrece unha oportunidade idónea para contrastar ideas de
proxectos no ámbito da fabricación do futuro, eficiente e sostible.
Tamén servirá para establecer colaboracións con socios europeos e, en
especial da rexión Norte de Portugal, de cara á presentación de
propostas para as convocatorias de programas europeos relacionadas con
algunhas das tecnoloxías facilitadoras esenciais, como a nanotecnoloxía,
os materiais avanzados, a biotecnoloxía, a fabricación avanzada e
outras relacionadas coa dixitalización.
O primeiro día
centrarase na presentación e debate dos retos futuros para a Industria
Europea, así como nas oportunidades de financiamento para a fabricación
intelixente que na actualidade ofrece a Comisión Europea, tanto a través
do Programa Horizonte 2020 como doutras iniciativas europeas.
A
segunda xornada dedicarase a analizar novas ideas de proxecto e o seu
encaixe coas convocatorias de financiamento da innovación dispoñibles
ata finais de 2020 para fomentar a dixitalización da industria en xeral e
a fabricación avanzada en particular. As ideas presentadas poderán ser
contrastadas con expertos en H2020 nas temáticas citadas e promoverase a
creación de agrupacións transnacionais que faciliten a presentación de
proxectos. Os asistentes poderán concertar reunión bilaterais con
posibles socios, así como presentar a súa entidade.
A RIS3 transfronteiriza
Este
evento é unha iniciativa organizada no marco da RIS3 Transfronteiriza
Galicia-Norte de Portugal coa colaboración da Vanguard Initiative. A
Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión Galicia-Norte
de Portugal (RIS3T) é a primeira RIS transfronteiriza da UE. O seu
obxectivo é dinamizar a participación da Eurorrexión nas convocatorias
europeas de cooperación interterritorial e desenvolver proxectos
coordinados para competir con maior éxito na captación de financiamento
procedente do Programa Horizonte 2020 e acadar un mellor posicionamento
en Europa.