Durante os nove primeiros meses do ano
Galicia recibiu máis de 4,1 millóns de viaxeiros que realizaron máis de 9
millóns de pernoitas, o que supón a cifra máis elevada da serie
histórica. Así se desprende dos datos publicados hoxe polo Instituto
Nacional de Estatística (INE), que amosan incrementos na nosa Comunidade
moi superiores aos acadados a nivel estatal. En concreto, mentres a
demanda sube en toda España un 0,9%, en Galicia medra un 6,5%, 5,6
puntos máis.
As cifras do INE sinalan que ata setembro se aloxaron
en Galicia 224.000 viaxeiros máis que hai un ano e realizaron preto de
550.000 noites máis. Isto propicia que a nosa Comunidade supere por
primeira vez o 9 millóns de pernoitas neste período. En relación ao
resto de autonomías, Galicia e Navarra encabezan os destinos con
incrementos máis intensos.Por tipoloxía de aloxamentos, o INE
informa de que en Galicia todas as modalidades están a obter resultados
positivos tanto en número de turistas como en pernoitas. A demanda nos
hoteis incrementouse no que vai de ano un 5,5%, nas pensións un 8,9%,
nos apartamentos turísticos un 15,7%, nos cámpings un 6% e no turismo
rural preto dun 5%.
Por mercados, o turismo internacional gaña
peso no acumulado do ano. De feito, é a primeira vez que entre xaneiro e
setembro, o mercado estranxeiro supón aproximadamente o 24% do total
dos viaxeiros que visitan Galicia. Tamén o mercado nacional medra un
5,3%.
Máis tempo e competitividade
O INE tamén revela un
positivo comportamento noutros indicadores como a estadía media.
Continúa a aumentar o tempo que os turistas pasan en Galicia. O
incremento, de case un 1%, leva esta variable ata a cifra na máis
elevada dos últimos sete anos.
Ademais, as tarifas hoteleiras
melloraron no período analizado polo INE. En concreto medraron un 1,8%,
facendo que tamén melloren os niveis de rendibilidade hoteleira, que
sobe neste caso máis dun 6%, acadando a cifra máis elevada da década. Os
ingresos totais do sector hoteleiro subiron un 8,3% no acumulado a
setembro deste ano, xerando máis de 253 millóns de euros. É a cifra máis
elevada desta década.