O BNG sigue sumando apoios de cara ás eleccións xerais do 10N tanto
de simpatizantes anónimos como de persoas con proxección pública,
que declaran nas redes sociais que van coller a papeleta da formación
que lidera Ana Pontón nos comicios do próximo domingo. Baixo o
cancelo #VouVotarBNG, integrantes do mundo da cultural, intelectuais
ou activistas sociais avanzan o seu voto ao Bloque e as razóns polas
que optan pola forza nacionalista.
O
dramaturgo Quico Cadaval, o ensaísta Suso de Toro, o cineasta
Alfonso Zarauza, a feminista e activista Encarna Otero, a escritora
Eli Ríos, o experto en memoria histórica, Manuel Mongue, entre as
persoas que subiron as redes vídeos de apoio ao BNG, e outros como o
sociólogo latinoamericano Ramón Grosfóguel, tamén convidan a
votar por unha forza que define como “de esquerdas” e co centro
de decisión en Galiza.
Tirando
da súa tamén ben coñecida faceta de cómico, Cadaval ironiza sobre
un proceso electoral que máis parece “un concurso televisivo para
escoller o máis guapo ou a máis guapa”. “É hora de que
esteamos representados no Congreso cunha forza propia que non estea
ao servizo de completar as aritméticas de partidos estatais senón
pola defensa do país, unha Galiza que ten que pasar de parecer o
mellor país de Europa e pasar a ser o mellor país de Europa (ver video).
“Porque
quero que o meu país exista” é o contundente argumento de Suso de
Toro para votar ao BNG o 10N
(ver video).
Mentres que a activista e feminista Encarna Otero destaca a garantía
de que a representación nacionalista no Congreso “vai falar de
Galiza, dos seus problemas e da súa xente, pero tamén vai defender
os dereitos e liberdade das persoas e o reparto igualitario da
riqueza” (ver video).
Desde
a Illa de Ons onde está rodando a última película, Alfonso Zarauza
avanza o seu voto “porque é máis importante que nunca que Galiza
conte con voz propia e que se distinga neste momento de
recentralización e porque a única forza capaz de defender a este
país é o BNG” (ver video).
A
portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou “o agradecemento do BNG a
todas as persoas que se están sumando a esta campaña declarando
publicamente que este 10N Galiza ten que recuperar voz en Madrid, e
declaran que a mellor maneira de facelo é apoiando a unha forza
propia coas mans libres para poder defender os intereses deste país,
algo máis necesario ca nunca”, salientou momentos antes de
intervir no mitin en Lugo.
A
líder nacionalista puxo en valor a capacidade do proxecto
nacionalista de xerar consensos, cando a tónica é a fragmentación.
“Nun
momento de tanta división, enfrontamento e segregación é un valor
que un proxecto político sólido como o BNG consegua sumar, sumar a
outras organizacións, sumar o apoio de persoas que sen ter carné
desta organización creen que é a mellor opción para este 10N.
Estou convencida de que con toda esta forza, con todo este apoio e
entusiasmo imos dar un gran salto o 10N conseguindo representación
no Congreso dándolle voz a Galiza e acabando con tanto silencio e
tanto desprezo co noso país”, argumentou.
Estes
apoios nas redes sociais de persoas individuais, -recoñecidas
socialmente ou anónimas-, sumánse ao manifestado por outras
organizacións como CxG, que trasladou o seu apoio ás candidaturas
do Bloque para a cita electoral do domingo. Departamento de comunicación