A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da
Xunta activa para mañá unha nova alerta laranxa por temporal costeiro e
por vento en terra que afectará ás provincias da Coruña e Lugo.
Segundo
informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), desde esta
medianoite ata as primeiras horas de mañá, esperánse ventos do sur con
cambios bruscos ao oeste e ao noroeste, que poden acadar os 100
quilómetros por hora e que afectarán ao noroeste da provincia da Coruña e
á Mariña de Lugo.
A Xunta lembra que, co vento, o mobiliario
urbano pode desprazarse e os restos de árbores e pólas que puideron
caer á vía poden condicionar a circulación. Tamén se lle recorda á
poboación a importancia de seguir as medidas de protección como retirar
os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e
evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores,
paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse co vento.
A
Axencia Estatal de Meteoroloxía tamén alerta dun episodio adverso
costeiro de nivel laranxa no suroeste da provincia da Coruña que
comezará mañá ao redor das 09.00 horas e que se prolongará ata as
15.00. Agardáse mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros
segundo a zona.
Ademais, o litoral da provincia de Lugo e o
noroeste e o oeste da costa da Coruña continuarán, ao igual que hoxe,
toda a xornada en alerta laranxa por ventos do sur de forza 8 e 9 e mar
combinada do noroeste con ondas entre 5 e 7 metros.
Por este
motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a
Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de
Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos
da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e
agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos,
entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas
para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Debido ao
temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da liña de costa, así
como evitar aproximarse a diques, rompentes, paseos marítimos, espigóns,
peiraos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar co fin
de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou
obxectos. Tamén se recomenda extremar as medidas de seguridade á hora de
realizar calquera actividade no mar.