A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de activar o Portal das Familias,
un novo servizo web de información para todos os aspectos da educación
en Galicia que son de especial interese para alumnado e nais e pais.
O
obxectivo deste Portal web é achegar dun xeito máis directo e áxil
datos ás familias sobre todo o que atinxe ao proceso de escolarización
dos seus fillos, así como sobre o conxunto do sistema educativo galego.Aquí
poderase afondar nos procesos de matrícula dos distintos niveis (ben
sexa para as etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, ou para
Formación Profesional, ensinanzas de Adultos, de Idiomas ou ensinanzas
Artísticas e Deportivas), as datas de matrícula, a documentación
esixida, os criterios de baremo, a asignación de prazas, etc; e tamén
sobre os títulos ofertados en toda Galicia, os procesos de homologación
de títulos ou o pagamento de taxas para a expedición de títulos, de
certificados de estudos, entre outros.
Así mesmo, o Portal das
Familias inclúe un apartado específico onde se dá conta de todas as
convocatorias de axudas ás que pode acceder o estudantado en Galicia,
segundo o tipo de ensinanza, ou mesmo sobre os recursos educativos
complementarios de transporte e comedor; así como dos premios promovidos
pola Consellería e os requisitos e trámites para optar a eles.
O
Portal web inclúe outros apartados como o AbalarMóbil, unha aplicación
que permite ás familias consultar información dos seus fillos a través
do teléfono móbil (sobre os horarios das materias, titorías,
cualificacións, faltas de asistencia,...), ou un enlace específico de
interese para as propias familias (Espazo Familias) e outro para o
alumnado (Espazo Alumnado).
Ademais, para obter unha atención máis
personalizada sobre calquera tema, inclúese un apartado específico co
directorio de teléfonos e enderezos electrónicos de todos os
departamentos da Consellería.