O director da Axencia Galega da Calidade
Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, compareceu hoxe na
Comisión 3ª do Parlamento para dar conta dos orzamentos da Axencia para o
ano 2020, que conlevan un incremento de case un 20% con respecto ao
exercicio 2019, ata chegar aos 33,7 millóns de euros. Por isto dixo que
“estes orzamentos son os da consolidación da Agacal”.
Durante a
súa comparecencia, o director salientou que o seu departamento
incrementa en máis dun 43% o investimento para o I+D+i agrario, forestal
e gandeiro galego, destacando os incrementos en proxectos con
financiación Feader. Así, en canto ao capítulo dos investimentos, cabe
destacar a suba dun 30% nos centros de investigación (Mabegondo,
Lourizán, Evega e Lafiga) e o mantemento no orzamento dos seis centros
de formación e experimentación agroforestal (Sergude, Guísamo, Becerreá,
Ribadeo, Monforte de Lemos e Lourizán) en case 700.000 euros.
Con
respecto ao presuposto para proxectos piloto e desenvolvemento de novos
produtos, procesos e tecnoloxías, o director adiantou que aumenta nun
70% ata chegar aos 2,3 millóns de euros, mentres que o orzamento para
proxectos de innovación e novas tecnoloxías agroforestais se mantén en
case 750.000 euros. Finalmente, a partida en proxectos de grupos
operativos da Asociación Europea de Innovación será de case 850.000
euros.
Tras debullar as partidas relativas ás áreas de innovación e
transferencia tecnolóxica, o director da Agacal destacou tamén que se
porá en marcha un Plan estratéxico integral para a formación no ámbito
agrario, gandeiro e forestal. Neste senso, dito plan incluirá a
formación regrada e profesional, ademais dos certificados de
profesionalidade e de formación continua que imparten os seis centros
inscritos nesta Axencia, co obxectivo de potenciar os sectores
produtivos galegos a través dun relevo xeracional profesional e formado.
Calidade agroalimentaria
Doutra
banda, Manuel Rodríguez fixo unha especial mención ao sistema de
protección da calidade alimentaria a través das denominacións de orixe e
indicacións xeográficas protexidas, que constitúe unha importante
ferramenta no desenvolvemento rural e un dos piares que compoñen os
orzamentos para 2020 da Consellería do Medio Rural.
Así, o
director sinalou que as partidas vinculadas directamente coa calidade
alimentaria teñen importantes incrementos, de entre o 15 e o 25%, polo
que o sector vaise ver reforzado de xeito considerado. Neste senso,
destacou o Plan de promoción de produtos agroalimentarios de Galicia,
que contará con ata 1,4 millóns de euros, e no que está contemplado a
conversión do Pazo de Quián nunha finca escaparate para a promoción e
imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais.
Precisamente
para fomentar esa promoción do sector agroalimentario galego de
calidade, Manuel Rodríguez explicou que as axudas para os gastos de
funcionamento dos consellos reguladores increméntase nun 20% ata chegar
aos 600.000 euros. Tamén aumenta a partida para o control da calidade,
clave para dar garantías ao consumidor, nun 25% ata os 375.000 euros.
Por último, tamén destacou que sobe o orzamento para as achegas de
información e promoción no mercado interior ata os 3,5 millóns de euros
(un 17% máis) e para a participación dos produtores nos programas de
calidade, ata os 200.000 euros (un 15% máis).
Finalmente, o
director da Agacal salientou que, tras a aprobación do seu decreto de
desenvolvemento polo Consello da Xunta, a marca “Artesanía Alimentaria”
mellorará o sistema de protección da calidade e, por conseguinte, a súa
extensión a novas producións. Tamén está previsto, indicou, que inicie a
súa andaina no 2020 a Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego, que
está a punto de superar o último trámite para o seu rexistro na Unión
Europea.