A portavoz nacional, Ana Pontón, e o
cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, denunciaron en Ferrol a
crise industrial que sofre Galicia, cun dos seus epicentros nesta comarca
tradicionalmente maltratada polas sucesivas reconversións do PP-PSOE ao longo
da últimas décadas.
Unha crise industrial de norte a sur,
afectando a comarcas enteiras desde A Mariña a Coruña, pasando pola Costa da
Morte ou Vigo, con 6.000 postos de traballo directos en xogo, ante o ninguneo
das forzas estatais que, avanzou, volverá quedar en evidencia no debate
electoral. “Sabemos que ningunha destas cuestións vai aparecer no
debate televisivo desta noite que nos vai deixar a foto fixa na que veremos os
candidatos ignorando os problemas de Galiza porque non teñen compromiso con
este país, e só veñen buscar os votos pero sen dar resposta os problemas de
Galiza. Temos que cambiar ese guión e o 10N os galegos e as galegas podemos
facernos valer da man do BNG”, subliñou a líder nacionalista desde Ferrol.
Os indicadores dan conta da
desertización industrial: un índice de produción industrial “en caída libre”, á
perda de emprego industrial e hoxe, hai menos traballadores que fai dez anos
neste sector, - “evidenciando como a crise deteriorou os sectores produtivos e
económicos do país”-. E, finalmente, o indicar da progresiva desaparición de
empresas e nos 6.000 postos directos en traballo en risco.
“O BNG confía na capacidade e no
potencial de Galiza e na necesidade de facernos respectar para avanzar e este
10N temos a oportunidade de recuperar peso político, de recuperar capacidade
para decidir a favor dos intereses dos e das galegas”, recalcou a líder
nacionalista. Neste sentido, avanzou que o Bloque vai usar o a representación
no Congreso a favor do sector industrial de Galiza en varios frontes.
E primeiro lugar, para evitar que o
Estado autorice un peche brusco de ENDESA, “deixando tiradas a miles de
familias e a todo un concello”.
Por contra, “é necesario abordar un proceso de
transición enerxética pero sen peches repentinos senón poñendo sobre a mesa
propostas e recursos”.
Ao mesmo tempo, os escanos
nacionalistas no Congreso terán como prioridade “acabar co espolio enerxético”
poñendo fin ao dislate de ter miles de empregos na picota polos cutes da
enerxía nun país produtor neto de electricidade: “estamos producindo a esgalla,
pero os beneficios son para as eléctricas e os que se sentan nos seus consellos
de administración”, criticou, por iso “imos abrir no Estado un debate sobre o
dereito de Galiza a ter unha tarifa enerxética xusta que garanta prezos
estables para as industrias do país e tamén un prezo máis barato da luz”.
Pontón tamén comprometeu que o Bloque
usará a súa forza en Madrid para defender a construción naval civil, e propón
para Ferrol un centro tecnolóxico do naval “que aproveite todas a sinerxías
entre empresas e universidade para facer aquí un polo de desenvolvemento
apostando pola innovación e a investigación, porque construír barcos é moito
máis que cortar chapa”.
“Levamos moitos anos vendo como as
forzas estatais levan os votos dos e das galegas e á hora da verdade deciden en
contra dos nosos intereses, temos que cambiar ese guión que outros escriben
para nós collendo a papeleta do BNG este 10N”, concluíu.
Décadas de eufemismo
Pola
súa parte, Rego salientou “as décadas de continúo proceso de
desindustrialización por decisión políticas que outros tomaron por nós”, tras
cualificar de “eufemismo” a reconversión industrial en Ferrol lembrou que temos
novos exemplos con POLYGAL ou ENDESA, contra cuxo peche “loitaremos utilizando
todos os medios o noso alcance”.
Ademais, insistiu que se realmente hai
que avanzar na transición enerxética é preciso iniciar o proceso con “xustiza
social, investimentos e alternativas” e criticou o papel das forzas estatais “que
só fan trasladarse mutuamente responsabilidades pero sen mover un dedo dende as
súas responsabilidades na Xunta e no Estado”.
Alternaticas en clave galega
Rego asegurou que resulta necesario, alí
onde se toman decisións, poñer sobre a mesa alternativas, coma sempre fixo o BNG.
“Hai que reactivar a capacidade dos estaleiros da ría de Ferrol promovendo un
complexo industrial integral diversificando a produción pero sobre todo,
pivotando sobre a construción naval civil” para xerar emprego nesta comarca.
“Non queremos, recalcou, limitarnos ás
previsións dun plan industrial limitado á construción militar e a amortización
do 25% dos postos de traballo, porque os estaleiros de Ferrol teñen moita máis
capacidade”. Por outra parte, Rego volveu reivindicar unha tarifa eléctrica
galega para dar estabilidade á industria electrointensiva.
“Ferrol precisa apoios para reactivar a
súa capacidade económica e promover novas actividades”, indicou Rego. “Galiza
debe decidir de maneira soberana sobre os seus asuntos, só así poderemos avanzar
cara un desenvolvemento autocentrado e benestar para toda a poboación. Ese é o
compromiso do BNG no Congreso dos deputados a partir do 10 de novembro”,
concluíu. Departamento de comunicación