A produción de leite medrou en Galicia
dende 2015 nun 5,76%, superando amplamente o 4,8% rexistrado no conxunto
de España. A diferenza foi aínda maior en relación co resto de
comunidades autónomas, nas que apenas se superou o 4,2% de incremento no
período 2015-2018.
Así o destacou hoxe o director xeral de
Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, na
súa intervención durante a xornada informativa dirixida ao sector
gandeiro e agrícola organizada pola Cooperativa Xallas e que tivo lugar
no concello coruñés de Santa Comba.O director xeral explicou que
este aumento da produción reflicte a permanente reestruturación positiva
do sector produtor, a prol da súa rendibilidade e viabilidade económica
futura. Un proceso que indica, ademais, que as explotacións en activo
adquiren unha maior dimensión produtiva.
José Balseiros situou
neste contexto o apoio da Xunta ao sector, que -dixo- se materializa en
diferentes medidas e actuacións orientadas a mellorar a rendibilidade
das explotacións. Entre elas, salientou o Plan estratéxico que está a
impulsar a Consellería do Medio Rural xunto cos representantes
sectoriais e que está previsto rematar o vindeiro ano.
Esta
iniciativa servirá para analizar polo miúdo as características e a
situación do sector -algo no que xa se está traballando-, co fin de
determinar despois unha estratexia adaptada ás súas necesidades. O labor
estase desenvolvendo a través de diferentes mesas que avalían cuestións
como a remuda xeracional nas explotacións, a reorientación da produción
e a xeración de valor na cadea ou a promoción dos produtos lácteos.
Tamén se abordarán outros asuntos, caso do asociacionismo, a formación,
investigación e man de obra na industria ou a sensibilización da
sociedade sobre a importancia deste eido produtivo.
Outras iniciativas
Ademais
de impulsar esta planificación, a Dirección Xeral de Gandaría,
Agricultura e Industrias Agroalimentarias -segundo sinalou o seu
titular- está a traballar noutras tarefas técnicas, como son o plan de
xestión das dexeccións gandeiras ou o sistema de cálculo de custos das
explotacións baseado en datos reais do sector. En relación con isto
último, indicou que se trata de dar ferramentas aos gandeiros para que
determinen os seus custos de produción individualizados, para coñecer o
seu limiar de rendibilidade. Porque, tal como advertiu Balseiros, é un
traballo de cada explotación e das organizacións de produtores
determinar ese punto, con toda a colaboración que precisen por parte da
Xunta.
Precisamente sobre a figura das organizacións de
produtores, o director xeral insistiu na necesidade de que estas
entidades empreguen as ferramentas normativas que teñen á súa
disposición para defender os intereses dos seus socios produtores.
Referiuse en particular ás medidas do chamado Paquete Lácteo, que
inciden en aspectos como as condicións de contratación, para protexer e
potenciar a posición negociadora dos gandeiros.
Capacidade industrial
Neste
encontro de Santa Comba, José Balseiros falou tamén da aposta da Xunta
por impulsar o aumento da capacidade industrial do sector en Galicia e
referiuse aos diferentes proxectos en marcha. Así, citou as fusións de
cooperativas (Clun ou Aira, entre outras), os investimentos en I+D+i de
empresas como Goodleit ou Dairylac ou na ampliación e mellora de
proxectos existentes (Entrepinares, Leche Celta, etc.).
O director
xeral salientou ademais que outro dos piares sobre os que se debe
cimentar o desenvolvemento do lácteo pasa por camiñar cara un sistema de
produción menos intensivo, cun modelo máis sustentable e baseado na
produción forraxeira. Nesta liña, dixo, vai precisamente a futura Lei de
recuperación e posta en valor de terras agrarias na que está a
traballar a Xunta, da man do Grupo Parlamentario Popular.
Por
último, o director xeral fixo referencia ás diferentes liñas de axudas
que os produtores lácteos teñen ao seu dispor, entre as que destacou as
de plans de mellora e incorporación de mozos, así como as achegas para
as industrias, as de fomento do uso de maquinaria en réxime asociativo
e, por suposto, as da PAC.