O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha Orde da Consellería do
Medio Rural pola que se procede á segunda convocatoria do ano 2019 para
a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais
consonte aos programas oficiais de vixilancia, loita, control e
erradicación das súas enfermidades. O orzamento total é de 200.000
euros.
Esta medida adóptase para seguir tramitando as solicitudes
de indemnizacións xa presentadas e as novas que cumpran cos requisitos
establecidos na convocatoria, tras esgotarse o crédito da primeira
convocatoria publicada no pasado mes de xaneiro.
Os beneficiarios
destas achegas son os titulares de explotacións gandeiras correctamente
rexistradas na Comunidade Autónoma que de forma obrigatoria, por orde da
autoridade competente en sanidade animal da consellería, tivesen que
sacrificar os seus animais por mor da aplicación de programas e
actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das
súas enfermidades.
Para ter dereito a estas indemnizacións é
imprescindible cumprir a normativa en vigor sobre sanidade animal,
identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación
animal. Ademais, tamén é de obrigado cumprimento estar ao día nos
programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de
enfermidades dos animais e que sexa efectivo o sacrificio obrigatorio
dos animais, ordenado pola Consellería do Medio Rural. O prazo
para a presentación de solicitudes e, se é o caso, da correspondente
documentación complementaria, será desde mañá ata o vindeiro 29 de
novembro, incluído. Máis información