Galicia segue reducindo o paro a nivel
anual confirmando a tendencia de baixada do desemprego e de creación de
postos de traballo con respecto a outubro de 2018. De feito, posiciónase
como a sexta Comunidade na que máis se reduce o paro en termos
absolutos. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe
os datos na visita que realizou en Ames á empresa OpSeeker Tech, onde
salientou que a cifra de desempregados (164.307) sitúa Galicia a niveis
inferiores aos de hai 11 anos.
Na evolución anual, Toca explicou
que o paro baixa en 5437 persoas, é dicir, nun -3,20%, o que supón que
Galicia xa suma seis anos consecutivos de caída do paro nun mes de
outubro. A Comunidade reduce o desemprego, ademais, a maior ritmo que o
conxunto do Estado, onde diminúe nun -2,37%.
O desemprego,
ademais, baixa nos colectivos prioritarios para a Xunta: as mulleres
(-3,45%), os parados de longa duración (-9,04%) e os menores de
30 anos (-3,21%). O paro tamén descendeu nas catro provincias galegas e
nas 7 grandes cidades. Con respecto ás provincias, Ourense lidera o
descenso (-5,40%), seguida da Coruña (-3,01%), Pontevedra (-2,96%) e de Lugo (-2,31%).
A
caída do paro rexistrouse, así mesmo, en todos os sectores de
actividade, liderando a baixada a construción (-8,06%), seguida da
agricultura e pesca (-4,43%), da industria (-4,12%) e dos
servizos (-2%). Na evolución mensual, o desemprego seguiu a tendencia
do resto do Estado e medrou un 4,66% con respecto ao mes de setembro. A
creación de emprego, ademais, medra no último ano un 1,41% ata chegar a
1.027.450 cotizantes á Seguridade Social (39 novos afiliados ao día),
co que Galicia suma 8 meses por riba do millón.
A importancia da formación nos sectores estratéxicos
Covadonga
Toca lembrou o esforzo que a Xunta está a facer por contar cunha
Galicia máis preparada, como unha das claves para abrir novas
oportunidades laborais e crear emprego de calidade. Neste sentido,
Galicia prevé destinar 260M€ en 2020, dos que máis de 66M€ serán para o
Plan Galego de Formación, no que se inclúe formación específica para
sectores estratéxicos como o da automoción.
Precisamente, o paro
diminuíu no sector da fabricación de vehículos a motor, no último mes en
165 persoas, o triplo que en outubro de 2018, unha tendencia que se
espera que se consolide coas novas contratacións anunciadas por PSA para
producir os seus novos modelos e que repercutirán, tamén, na industria
auxiliar.
A secretaria xeral visitou hoxe as instalacións da
empresa OpSeeker Tech, empresa de base tecnolóxica situada no concello
de Ames e que pertence a outro dos sectores que a Xunta quere impulsar
para mellorar a competitividade do tecido empresarial. A compañía ofrece
ferramentas, a través dunha aplicación web, para que a xente aprenda a
xestionar o seu diñeiro, ademais de ofrecer asesoramento independente.