AS PONTES | O conselleiro de Economía, Emprego e
Industria, Francisco Conde, reuniuse hoxe nas Pontes co grupo de
traballo local por unha transición xusta de Endesa para solicitar ao
Goberno central unha axenda política que inclúa solucións industriais
que partan da colaboración e que permita impulsar unha transición
enerxética xusta e ordenada tal e como reclama a Comisión Europea, que
avoga por transicións xustas, que teñan en conta as consecuencias
sociais desta transformación e que analicen os posibles impactos
laborais e industriais da mesma.
Esta é, segundo Conde, a única
fórmula para salvagardar os postos de traballo e o tecido industrial
galego a través dunha solución realista. Así, reiteraron ao Goberno a
posta en marcha de medidas como a eliminación do céntimo verde, o
establecemento de iniciativas que estimulen unha combustión ecolóxica
coa utilización de biocombustibles, ou a adopción de estímulos para as
centrais que, como As Pontes, fixeron os investimentos precisos para
adaptarse á Directiva Europea de Emisións Contaminantes.
Ademais
reclaman ao Goberno a posta en marcha dunha mesa técnica que aglutine
aos axentes implicados e a incorporación de Galicia na Plataforma
Europea das Rexións Mineiras en Transición para poder acceder aos fondos
europeos en 2021 e que serviría para reindustrializar zonas que se
vexan afectadas, como As Pontes ou Meirama.
Conde lamentou a
situación de incerteza que viven as 750 familias vinculadas á central
das Pontes, pero tamén as 1600 de Alcoa San Cibrao ou as 400 de Parter,
na Coruña, que contan cunha solución provisional ata 2021. Por iso pediu
alternativas e apostar por unha transición co mesmo modelo que se está
aplicando con éxito noutras partes de Europa, onde están operativas
actualmente máis de 100 centrais térmicas.
O conselleiro finalizou
asegurando que hai que seguir reclamando desde Galicia e desde a
unidade un trato xusto, a definición de solucións inmediatas, a
reactivación da actividade da térmica e salvagardar os postos de
traballo.