O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, protagonizou hoxe un mitin en Santiago co ministro de Exteriores, Josep Borrell, no
que tamén interveu o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e as cabezas de
lista ao Congreso polas catro provincias galegas. Na súa
intervención, o líder dos socialistas galegos asegurou que “temos as
pilas cargadas” para a cita coas urnas despois de que Pedro Sánchez
gañara “por goleada” o debate fronte a quen “só crispaban” sen presentar
ningún proxecto para España. “O único proxecto serio, claro,
progresista e de futuro para España é o PSOE”, resumiu.
E,
fronte aos “retrocesos” que implican en materia de igualdade para as
persoas e para os territorios a alternativa ao PSOE que compoñen as
dereitas e máis a ultradereita, Gonzalo Caballero enfatizou a
importancia duns servizos públicos que equiparen as oportunidades da
cidadanía e que favorezan unha vida digna para todos.
“Iso
é o que nos xogamos o domingo”, advertiu o máximo dirixente do PSdeG,
quen chamou a “deixar descolocadas ás dereitas e á ultradereita que
quere gobernar a través do PP”. Precisamente, sostivo que “non perdoamos
ao PP que sexa o instrumento ao servizo dos intereses da extrema
dereita”. E, tras lamentar que as dereitas españolas non
fagan o que “toda a dereita europea” e poñan “un cordón sanitario” á
ultradereita, Gonzalo Caballero censurou o discurso “neofascista” de
Vox. “Lévanos a construír unha sociedade peor, o que é a máxima
preocupación para os progresistas”, concluíu.
Ao fío
diso, o secretario xeral do PSdeG chamou a “frear o risco de involución
coa máxima mobilización” o vindeiro domingo co “único voto útil”, o do
PSOE. “É o voto que non se perde polo camiño, senón que vai directo ao
Congreso dos Deputados”, apelou para concentrar o voto progresista nunha
opción.
“Justicia, igualdad y libertad"
A continuación tomou a
palabra o ministro de Asuntos Exteriores, Josep Borrell, quen se animou
a facer parte da súa intervención tamén en galego para agradecer o
convite á capital de Galicia. Inspirado polos valores de “justicia, igualdad y libertad”, o
dirixente socialista animou a participar nos comicios do vindeiro
domingo. “No me gusta esto de la fatiga democrática”, comentou, en
referencia ás queixas por votar catro veces en catro anos: “A los que
estuvimos mucho tiempo sin votar, no nos parece demasiado”.
É
máis, sinalou que “han pasado cosas” neste país “para que nos tomemos
la molestia de ir a votar”. “Hace falta un gobierno con una mayoría
sólida que tenemos que reforzar”, apelou Borrell, antes de formular que
“a democracia non é o normal no mundo” e, por iso, “no podemos estar
cansados de votar”. “Aprovechen la ocasión para decidir
qué futuro quieren, cómo queremos vivir y cómo queremos convivir”,
finalizou o futuro comisario europeo, consciente de que os problemas de
desigualdade e a existencia de “trabajadores pobres” requiren “unha
acción política fuerte”.
“Un Goberno forte"
Tamén
tomaron a palabra no acto as catro cabezas de lista ao Congreso polas
provincias galegas, que reclamaron “un goberno progresista estable e
forte presidido por Pedro Sánchez”. Fíxoo a viguesa Olga
Alonso, número 1 por Pontevedra, quen puxo o foco en que “non podemos
consentir desigualdades nin discriminacións” por ningunha causa; mentres
a carballiñesa Marina Ortega destacou a aposta pola “xustiza social” do
goberno socialista que subiu as pensións, o salario mínimo.
A
continuación, a lucense Ana Prieto chamou a “convencer a todos” para
acudir ás urnas co “única papeleta que pode facer que España progrese”.
“Queremos seguir gobernando para facer política para as persoas”,
engadiu, ao que a compostelá Pilar Cancela pediu encher as urnas de
“votos socialistas” o 10-N.
“O futuro dos nosos fillos"
O
encargado de abrir o acto foi o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez
Bugallo, quen destacou que Josep Borrell é “unha persoa especialmente
respectada e querida” pola súa contribución á cidade nas súas etapas
como ministro. E, de cara ao vindeiro domingo, o rexedor
da capital galega chamou a “votar ao PSOE pensando no futuro que
queremos para os nosos fillos”.
Visita a O Barco
Ademais,
Gonzalo Caballero aproveitou a xornada para visitar O Barco de
Valdeorras en compañía do alcalde, Alfredo García, e os membros da
candidatura socialista ao Congreso e ao Senado, antes de manter unha
xuntanza cos compañeiros de toda a provincia.
Dende alí,
resaltou que Alfredo García é “un alcalde de referencia” para os
socialistas pola súa dedicación al concello durante anos. “É un pracer
amosar sempre as políticas públicas do Barco e as capacidades que teñen
os nosos alcaldes de gobernar para o benestar da maioría”, puxo en valor
o líder do PSdeG.
Pola súa banda, o rexedor chamou a
mobilizarse de cara o vindeiro domingo porque “onte quedou claro que o
único candidato que pode formar goberno e que dá garantías aos cidadáns
de que pode haber un goberno serio neste país é Pedro Sánchez”.