Tras coñecer a
decisión da Xunta Electoral da Coruña o BNG lanza unha campaña en change.org en contra da participación de
VOX no debate electoral da TVG previsto para o último día de campaña, venres 8N
ás 10.00 horas. A formación nacionalista considera inaudito que o órgano
electoral outorgue a este partido a consideración “grupo político significativo”
en Galicia, pese a que carece de representación: cero deputados e cero
concelleiros.
O BNG entende
que esta decisión non fai máis que contribuír a “branquear” a unha dunha forza
xenófoba, racista, machista e antigalega, en particular despois de que as forzas
políticas estatais permitisen no recente debate electoral que VOX difundise o
seu discurso antidemocrático con total impunidade en horario de máxima audiencia
e ante millóns de espectadores.
A formación que
lidera Ana Pontón non está disposta a que VOX volva ter, neste caso na
televisión pública de todos e todas as galegas, unha nova oportunidade de
difundir e normalizar un discurso “de odio” no que, incluso, pide a
ilegalización das institucións democráticas galegas, - como o Parlamento,
Goberno, e Estatuto-, e a ilegalización dunha forza como o BNG por levar no seu
ADN a defensa de Galiza como nación.
“Desde o
BNG queremos manifestar un absoluto desacordo coa decisión tomada pola Xunta
Electoral da Coruña que permite que un partido de extrema dereita poida ter
presenza normalizada nos medios públicos galegos e transmitir no debate da TVG a
súa mensaxe de odio sen cortapisas, no que proclama posicións franquistas, racistas, contrarias
aos dereitos das mulleres, que quere acabar coas institucións galegas e
prohibir os usos oficiais da nosa lingua e que ameaza coa ilegalización das
forzas políticas democráticas que, como o BNG, defendemos o dereito das nosas
nacións a existir e a decidir”, salienta o Bloque na petición de change.org.
#StopVOX #DebateTVG
A
formación nacionalista considera que a decisión da XEC “é un disparate en
termos xurídicos ao que se suma o permanente branqueo que VOX está recibindo
por parte da mediática e os partidos españois, e as consecuencias sociais que
iso ten. Desde o BNG consideramos que por dignidade
democrática, por compromiso coas mulleres , coas persoas homosexuais, coas
persoas doutras procedencias e orixes, e desde a defensa dos valores
democráticos e da convivencia, é necesario mostrar unha grande repulsa social
diante desta cuestión”.
Por iso, pide a cidadanía
que asinen para que VOX non participe no debate da TVG. #StopVOX #DebateTVG. Desde Vigo, tras participar
nun encontro con representantes do sector da automoción e das auxiliares, a
portavoz nacional, Ana Pontón tamén se refería a este asunto.
Un disparate
“É un disparate que esa
extrema dereita poda seguir branqueando o seu discurso antidemocrático e de
odio na TVG, e parécenos un despropósito que a XEC permita debater a unha forza
que non ten ningunha implantación en Galiza”, alegou.
“Temos que dar unha
respostas contundente nas urnas. Por iso, pido concentrar no BNG todo o voto de
país, das persoas que saben que Galiza gana se o BNG está no Congreso, que
saben que somos garantía de defensa do país e dos dereitos e liberdades, e que
saben que somos muro de contención contra unha extrema dereita machista,
racista e antigalega. Por iso, sobran os motivos para este 10N coller a
papeleta do BNG”, recalcou.