El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Economí­a

GALICIA | TURISMO

A Xunta lanza a iniciativa "Elixe Galicia" para promover o turimso interno

07-11-2019 15:01:05

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, a iniciativa Elixe Galicia que busca promover o turismo interno, desestacionalizar e descentralizar a ocupación hoteleira e favorecer o mellor coñecemento da Comunidade no seu conxunto. Este programa de estadías turísticas e de ocio, que cumpre un dos compromisos adquiridos no último Debate sobre o Estado da Autonomía, contará cun orzamento de 1,6 M€ para financiar o 40% das estadías en provincias distintas ao lugar de orixe.  

No que respecta aos destinatarios, este programa, está dirixido a menores de 30 anos, familias con fillos menores e a persoas maiores de 55 anos. A Xunta aspira a beneficiar con esta iniciativa a 12.800 persoas entre 2020 e 2021. O presidente da Xunta incidiu no obxectivo de “favorecer a desestacionalización, viaxar, pernoctar, coñecer e consumir dentro da propia Comunidade Autónoma todos os meses salvo os meses de verán e Semana Santa". 

Este programa contará con catro modalidades: Vacacións en zona costeiras, Rutas de patrimonio histórico e cultural, Rutas de natureza e montaña e Estadías en balnearios.A modalidade Vacacións en zonas costeiras ofertará 6.700 prazas nos próximos dous anos, terá unha duración de 5 días e catro noites, o aloxamento será en hoteis de 3 estrelas ou superior e incluirá un mínimo de 3 visitas ou actividades de medio día. 

No caso das Rutas de patrimonio histórico e cultural, con 2.500 prazas dispoñibles entre 2020 e 2021, terán unha duración de 3 días e 2 noites, o aloxamento será en hoteis de, como mínimo, 2 estrelas, contará con servizos de guía e incluirá visitas culturais con relevancia histórico-artística. 

Pola súa banda, as Rutas de natureza e montaña ofertarán outras 2.500 prazas nos vindeiros dous anos e durarán 3 días e dúas noites en hoteis de 2 estrelas ou superior. Ademais de contar con servizos de guía especializado, realizaranse 2 excursións ou actividades de sendeirismo e/ou turismo activo. 

Por último, no caso das Estadías en balnearios, a duración será de 5 días e 4 noites en aloxamentos de 2 estrelas ou superior a unha distancia non superior a 20 quilómetros do balneario, talaso ou establecemento de saúde e benestar. O programa incluirá, ademais dun acceso diario ao establecemento, un tratamento por persoa e estancia sen custo adicional así como prezos especiais reducidos para outros tratamentos. Tamén terá un mínimo de dúas excursións. A maiores, todas as modalidades inclúen transporte desde as 7 cidades galegas. 

No que respecta ao desenvolvemento do programa, o presidente da Xunta explicou que o primeiro paso será a contratación dos servizos mediante concorrencia competitiva e será no primeiro semestre de 2020 cando se abra a convocatoria. A saída inaugural está prevista para marzo despois de realizar a selección dos beneficiarios por sorteo con reserva de prazas para colectivos especiais como familias numerosas, persoas con discapacidade ou baixos ingresos.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias