O outono arrancou en Galicia marcado
polas chuvias e por unhas temperaturas lixeiramente por riba do agardado
nesta época do ano. Segundo se recolle no resumo climatolóxico
elaborado por MeteoGalicia, outubro foi un mes húmido en xeral no
conxunto da comunidade, unha situación que contrasta co sucedido nos
cinco anos anteriores, e lixeiramente máis cálido con respecto ao
período histórico que se utiliza como referencia, que vai do ano 1981 a
2010.
Desde o punto de vista meteorolóxico o mes contou con tres
tramos moi diferenciados. Os primeiros 11 días caracterizáronse polo
predominio das altas presións, o que deixou un ambiente marcado pola
estabilidade e temperaturas por riba das normais nesta época do ano. A
continuación a comunidade viviu un período de borrascas que trouxeron
chuvia e frío, e na última semana do mes volveu producirse un novo
cambio na situación, cunha recuperación lixeira dos termómetros.
No
seu conxunto, outubro rematou cunhas temperaturas medias 0,28 graos por
riba dos valores do período de referencia, o que permitiu caracterizar o
mes como lixeiramente cálido no seu conxunto aínda que lonxe, por
exemplo, dos datos de 2017, cando a anomalía foi de 2,4 graos por riba
do esperado. A esta situación contribuíron especialmente as temperaturas
mínimas, xa que no conxunto de Galicia foron 0,76 graos superiores á
media histórica.
Polo que respecta ás precipitacións, o mes pode
considerarse no seu conxunto húmido aínda que ao facer a comparación cos
rexistros pluviométricos do período 1981-2010 conclúese que só choveu
un 18% máis do previsto nesta época do ano. Neste sentido, o informe de
MeteoGalicia chama a atención na distribución desigual das chuvias, que
se concentraron no período que seguiu ao día 11, coa excepción da última
semana do mes, e tamén no contraste entre este outubro e os cinco
anteriores, que foran secos e mesmo moi secos, como constatan os
rexistros dos anos 2016 e 2017.
Máximas e mínimas por comarcas
En
canto á situación por zonas, cómpre precisar que se ben en xeral as
temperaturas estiveron lixeiramente por riba da media grazas sobre todo a
que se rexistraron mínimas moi suaves, o comportamento dos termómetros
non foi homoxéneo en toda a comunidade.
Así, as máximas máis
baixas rexistráronse en zonas da montaña de Lugo e Ourense, con valores
de 11 graos, mentres que a comarca do Ribeiro situouse no extremo
oposto, chegando a rozar os 22 graos. No conxunto de Galicia o valor
medio das temperaturas máximas en outubro foi de 17,6 graos.
En
canto ás mínimas, a media do mes pasado situouse no conxunto da
comunidade en 9,5 graos. Estes valores non chegaron aos 4 graos no caso
da comarca ourensá da Limia e no macizo de Manzaneda, mentres que os
rexistros máis baixos das temperaturas mínimas déronse en zonas de
costa, principalmente nas comarcas de A Coruña e de Vigo, con valores
próximos aos 15 graos.