Votar
con ilusión collendo a papeleta do BNG porque é o voto que garante a defensa de
Galicia e a defensa dos dereitos sociais e das liberdades, ante a discriminación
das forzas estatais e os aires involucionistas que veñen de Madrid.
A portavoz nacional, Ana Pontón, pedía
así concentrar no BNG todo o voto de país pero tamén todo o voto progresista das
persoas que se senten desencantadas e mesmo estafadas por un PSOE-Podemos que
antepuxeron egos, reparto de poltronas e intereses partidistas ao interese da maioría
social. Unha esquerda estatal que, ademais, foi morna ante un discurso antidemocrático
dando alas a extrema dereita.
“Temos que facer algo diferente e para
Galiza esa diferencia é ter voz propia no Estado da man do BNG para defender os
intereses das galegas, para acabar co pasotismo das forzas estatais e que, ao
mesmo, para defender os dereitos sociais, as liberdades e a democracia”.
Unha defensa que hoxe é máis necesaria
ca nunca “ante os aires de intolerancia que nos veñen desde Madrid”, salientou
Pontón, dos que responsabilizou á unha esquerda estatal irresponsable dando
novas opcións ao avance da dereita e da extrema dereita.
“Por iso quero ser clara e pedirlle
tamén o voto a todas as persoas que apostaron polo PSOE ou por Podemos o 28A e
hoxe están decepcionadas por como xogaron co seu voto, por ver como á esquerda
española lle pesou máis os intereses electoralistas que os intereses das
maiorías”, salientou.
Nin defensa de Galiza, nin defensa dos
dereitos sociais, -porque seguen intactas a Lei mordaza e as contrarreformas
laborais-, nin firmeza para frear un discurso racista, machista, xenófobo e
antigalego.
Por iso, declarou Pontón, hai que
votar “desde o orgullo de país, con ilusión e convicción”, enchendo as urnas
coas papeletas dun BNG “que non lle vai fallar os galegos e as galegas”, que
vai usar a súa representación para defender os 6.000 empregos industriais en
xogo, para sacar as pensións galegas do furgón de cola, para acabar coa estafa
da AP9, para mellorar as condicións laborais e para construír un futuro mellor.
Todo isto cabe na papeleta do Bloque
que, ademais, non vai calar ante o discurso antidemocrático que avanza, como
constata a votación das tres dereitas na Asemblea de Madrid pedindo a
ilegalización das forzas nacionalistas como o BNG.
Tadem PP-extrema dereita para ilegalizar o BNG
“É un exemplo de intolerancia, un
perigo para a democracia e non se pode permitir que se pregoe a ilegalización
de ideas democráticas, porque iso significa poñerse do lado do autoritarismo”,
denunciou Pontón, remedando o poema de Bertolt Brecht.
“Non se pode calar ante a involución
democrática, non se pode calar cando se utiliza o odio contra as persoas que
veñen de fora, non se pode calar contra os que cuestionan a violencia coas
mulleres, non se pode calar ante os que están facendo un discurso machista
xenófobo e antigalego, non se pode calar ante os que piden ilegalizar o Parlamento
e a Xunta de Galiza, o idioma galego e non se pode calar ante os que queren
ilegalizar ao BNG polo feito de ter como razón de ser a defensa de Galiza”,
recalcou.
Voz propia, forza propias no Congreso
Por iso, animou Pontón, o 10N temos
que responder nas urnas como galegos e galegas.
“Temos que responder dicindo que
Galiza quere ter voz propia, que Galiza ten forzas políticas propias que imos
estar no Congreso para defender a xente deste país, para deixar atrás a
involución e recorte de dereitos e para deixar atrás o pasotismo que nos leva á
irrelevancia e nos deixa sen futuro”.
“O 10N temos que votar con ilusión e convicción
para construír un futuro mellor apostando pola única forza que ten as mans
libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, un BNG que non lle
vai fallar a Galiza nin a toda esa
cidadanía farta da discriminación de PP, PSOE, PODEMOS, nin a toda esa
cidadanía que viu como a esquerda estatal xogou co seu voto”, concluíu. Departamento de comunicación