SANTIAGO DE COMPOSTELA | O reitor, membros do
equipo de goberno, equipo decanal da Facultade de Medicina, directores
de departamento e delegadas e delegados do movemento estudantil do
centro
mantiveron hoxe un encontro para analizar e ratificar, de xeito
conxunto, o documento de acordos acadados polas partes en días previos
que ten como obxectivo devolver a normalidade ao centro e á actividade
docente. Froito deste proceso de diálogo os
representantes do alumnado acordaron desconvocar a folga.
Neste contexto, e co
obxectivo de crear novos espazos de diálogo coa comunidade universitaria
e poder participar doutros xa creados, o equipo de goberno iniciará
unha rolda de contactos cos representantes do movemento
estudantil. Os encontros servirán para tratar, entre outros temas, os
efectos da implantación do Plan Bolonia nos distintos sectores da
comunidade universitaria e tratar de corrixir os problemas a que poidan
estar dando lugar.
Tamén se fará partícipe á
comunidade universitaria das dificultades orzamentarias que atravesa a
USC e que provocan, en boa medida, parte dos problemas detectados e
trasladados polo movemento estudantil en relación,
por exemplo, ás infraestruturas.
O reitor quere destacar o
bo facer do equipo decanal, encabezado por Julián Álvarez Escudero, así
coma dos directores dos diferentes departamentos que imparten docencia
na Facultade de Medicina á hora de buscar
e atopar solucións ás problemáticas detectadas e visibilizadas polos
alumnos do centro.
Do mesmo xeito, o
reitor agradece o compromiso evidenciado polo movemento estudantil para
coa calidade da docencia que reciben así coma para coa proposta de vías
que contribúen á mellora do funcionamento do centro.
O respecto e sensatez co que organizaron as protestas así coma a
cordialidade da súa execución non fixeron máis ca lexitimalas
contribuíndo, de xeito directo, á construción do espazo democrático do
que a universidade debe ser exemplo e garante.