O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu hoxe ante
os medios de comunicación para avaliar o resultado das eleccións xerais
celebradas onte e nas que “o PSOE volveu gañar de forma clara e
contundente”, a moita distancia do resto de forzas políticas.
“Somos
o único partido en condicións de dar un goberno ao país”, destacou o
líder dos socialistas galegos, ao tempo que sinalou que “España necesita
un goberno progresista” que siga traendo “avances” e “futuro” para a
cidadanía. Ademais, considerou “preocupante” o ascenso de Vox, por canto
esta forza supón “unha ameaza para o modelo de país” que construímos
nestas catro décadas de democracia.
De feito, Gonzalo
Caballero chamou a confrontar dialecticamente coa ultradereita para
desmontar os seus pronunciamentos “falaces” e que “non benefician a
ninguén”, e instou a PP e Cs a “rectificar a súa estratexia de pactos” e
rachar cunha formación “neofranquista”, como fan os partidos
conservadores de Francia ou Alemaña.
"Unha maioría social de progreso"
En
paralelo, no que atinxe ao resultado nesta comunidade, destacou “o plus
de impulso” que colleitaron os socialistas en Galicia. En concreto, o
PSdeG acadou unha taxa de apoio do 31,28%, o que o sitúa máis de tres
puntos por riba do dato obtido polo PSOE no conxunto de España, dun 28%.
E, nun contexto dunha caída da participación en Galicia que foi
superior á media estatal, o resultado segue amosando -ao igual que nas
tres citas anteriores- que hai “unha nova maioría social de progreso”.
Así
é que, tras vencer ao PP en Galicia nas pasadas xerais e europeas, e
despois de conseguir que o 55% dos galegos teñan un alcalde socialista,
esta nova cita coas urnas referenda a existencia dunha maioría
progresista en Galicia que mantén o bloque das dereitas coa ultradereita
nun 44% dos sufraxios.
De feito, o máximo dirixente do
PSdeG sinalou que “Feijóo e o PP pincharon” nestes comicios, posto que
non foron quen de sumar os dous deputados que perdeu Ciudadanos pola
Coruña e Pontevedra. A maiores, a suma de PP, Cs e Vox quedou máis de
140.000 votos por debaixo da suma das papeletas obtidas polas forzas de
progreso, como apuntou, ao tempo que recalcou que a dereita colleita
unicamente 10 dos 23 deputados en liza en Galicia.
A "debacle" do PP, "evidente"
Neste escenario, Gonzalo Caballero reivindicou a capacidade do PSdeG
para liderar a maioría de progreso en Galicia coa vista posta nas
vindeiras eleccións autonómicas, nas que, con estes datos, o PP perdería
13 escanos que sumaría o seu partido. Por tanto, avanzou que seguirá
traballando no obxectivo de acadar un cambio na Xunta.
“Superamos
todas as probas para abrir un novo tempo político en Galicia cando haxa
eleccións autonómicas”, destacou o candidato socialista á Presidencia
da Xunta, quen xulgou “imposible”, á vista dos datos, que se reedite
unha maioría absoluta. “A debacle do PP é cada vez máis evidente”,
concluíu.
Ademais, recordou as enquisas que amosan que
“máis do 60% dos galegos queren un cambio” na Xunta, unha porcentaxe que
aumenta ata superar o 73% no caso dos mozos. E, pola súa banda,
garantiu “traballo arreo” na procura dese obxectivo, o de construír unha
maioría de progreso liderada polo PSdeG. Departamento de comunicación