O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Xunta está a desenvolver o 100% das
medidas previstas para este ano dentro do Pacto de Estado contra a
violencia de xénero. Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo
detallou que Galicia ten executados ou en execución 4 de cada 5 euros
do orzamento previsto neste 2019, é dicir, 13 millóns dos preto dos 16
millóns de euros.
“Todas as accións previstas para este ano están xa
rematadas ou en execución agás unha, programada para levala a cabo antes
de que remate o ano”, explicou, recordando que, o pasado mes de marzo, o
Goberno galego aprobou un plan de actuación para a implantación na
Comunidade das medidas de competencia autonómica incluídas no Pacto de
Estado contra a violencia de xénero, onde se programaron un total de 65
medidas, das cales 38 son novas e 27 supuxeron reforzar ou ampliar
medidas que a Xunta xa tiña en marcha.
Así mesmo, cómpre subliñar
que a achega do Pacto de Estado contra a violencia de xénero é duns 8
millóns de euros anuais, pero nesta ocasión, ao consignado en 2019,
sumouse gran parte do orzamento previsto para o ano anterior, xa que o
crédito de 2018 non foi transferido polo Estado ata finais de ano. E as
comunidades autónomas dispoñen ademais ata o mes de marzo para poder
xustificar os fondos, polo que está previsto que se execute na súa
totalidade o investimento previsto.
Ao longo da súa intervención, o
titular do Executivo autonómico precisou que as 65 medidas encádranse
nalgúns dos dez eixes do Pacto de Estado, sendo as máis numerosas as
relacionadas coa sensibilización e prevención (26) e coa asistencia,
axuda e protección das vítimas (15). Feijóo confirmou que Galicia
xa tiña implantadas con anterioridade unha boa parte das 115 medidas
autonómicas que incluía o documento. Así, por exemplo é a única que tiña
e ten en marcha prestacións periódicas a vítimas; conta cunha ampla
rede de Centros de información á muller –un total de 82-; con 6 centros
de acollida; e con case un cento de profesionais formados para a
asistencia psicolóxica integral de mulleres vítimas e menores.
Ademais,
tamén se puxeron en marcha medidas novidosas como: o apoio integral a
menores orfos por violencia machista, a habilitación do apoio económico e
social ás vítimas gravemente feridas e a posta en marcha das quendas de
garda psicolóxica e social. E incorporáronse traballadores sociais ás
oficinas de atención ás vítimas nos xulgados; habilitáronse axudas
específicas ás entidades locais, ás Anpas e ás asociacións de mulleres; e
púxose en funcionamento, por primeira vez, un programa de fomento da
contratación para entidades locais e para empresas forestais e
agrogandeiras que xa suman 65 postos de traballo.
“E sen dúbida o
ano que vén seguiremos traballando”, sentenciou, aseverando que o
obxectivo para 2020 e os anos seguintes é seguir reforzando e poñendo en
marcha medidas nos ámbitos da sensibilización e prevención, pero tamén
no apoio psicolóxico e social, no reforzo da rede de acollemento e das
axudas ao alugueiro, na inserción laboral, na mellora da formación dos
profesionais e da protección de menores, ou no traballo con menores
agresores e na mellora no intercambio de información, entre outras
accións.
Con esta finalidade, o presidente do Goberno galego
avanzou que o vindeiro ano está previsto implementar: un Plan
estratéxico que avance cara á plena comunicación e coordinación entre as
diferentes Administracións públicas; a posta en marcha de novos centros
de acollemento; o impulso da formación dos profesionais; o traballo cos
menores agresores; e seguir promovendo medidas para loitar contra
outras formas de violencia contra as mulleres como agresións sexuais,
acoso ou trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.
“Penso que estamos a executar o programa con rigor”, concluíu.