A CORUÑA | A
alcaldesa Inés Rey presentou hoxe a Copa do Rei e da Raíña de
Hóckey patíns, que terá lugar na Coruña do 19 ao 22 de marzo. A rexedora
destacou que "somos unha cidade na que o stick forma parte do noso
imaxinario grazas ás cores verdes e brancas desde hai máis de 40 anos" e
que xa pasou un decenio desde a última Copa do Rei con "sabor
atlántico". O ano que vén, o Pavillón dos Deportes será sede desta
competición, na que participarán 16 equipos, oito femininos e oito
masculinos, unha circunstancia -a de xuntar homes e mulleres- que se
dará por segunda vez e que "como alcaldesa faime sentir unha dobre
satisfacción".
Rey agarda que o evento atraia o público da casa, fieis
ao Deportivo Liceo, e tamén a persoas afeccionadas de fóra, "nesa
intención de fomentar o turismo deportivo. Falamos de preto de 10.000
persoas espectadoras que poboarán as bancadas do pavillón, das que 1.500
quedarán a pasar a noite na cidade, así que gañaremos todos: o Liceo, a
copa; a cidade, toda esta cantidade de visitantes, e tamén o hóckey,
que necesita de apoios". Engadiu que o sector hostaleiro verase igualmente beneficiado dunha
actividade que se calcula que xerará 550.000 euros de ingresos neses
catro días de competición. Departamento de comunicación