O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que
Feijóo está evidenciando coas súas declaracións que está “descolocado”
tralo avance na configuración dun goberno progresista en España. “Está
moi frustrado porque ve que deixa de ter espazo político en España,
porque Casado non o incorpora no lugar que lle gustaría, e tamén porque
leva tres batacazos electorais seguidos en Galicia”, recalcou.
Ao
fío disto, na rolda de prensa posterior á xuntanza da Comisión
Executiva Nacional Galega do PSdeG, Gonzalo Caballero abundou nos
“cambios de criterio” de Feijóo, que é quen de “atacar con mentiras” ao
executivo socialista un día e, ao seguinte, pedir un pacto de goberno.
Todo iso, como recordou, apenas tres días despois de que o número dous
de Pablo Casado situase como “un labor patriótico” evitar un goberno
presidido por Pedro Sánchez.
“Están sen rumbo”, recalcou o
líder dos socialistas galegos, quen instou ao PP a dar a orde aos seus
deputados no Congreso de “apoiar a investidura” de Pedro Sánchez no caso
de que queiran facilitar a gobernabilidade de España. Sobre todo, como
dixo, porque “é o mellor goberno para España e para Galicia” e o que
obtivo “o apoio maioritario” dos galegos e dos españois en xeral.
Así
mesmo, Gonzalo Caballero apuntou na comparecencia ante os medios de
comunicación que a dirección do partido en Galicia trasladou “todo o
apoio” a Pedro Sánchez nas negociacións que está levando adiante para
conformar “un goberno progresista para España nucleado en torno ao PSOE,
un goberno que respecte e defenda o marco constitucional e que responda
á vontade progresista amosada pola maioría da cidadanía o pasado
domingo”.
Ao respecto, o máximo dirixente do PSdeG
destacou que os resultados en Galicia foron “moi satisfactorios” porque
permitiron manter os dez deputados obtidos o pasado 28 de abril e un
nivel de apoio superior ao 31%. Ademais, recalcou, a diferencia co PP de
Feijóo é tan só do 0,6% a pesares de que a participación foi máis baixa
que nas pasadas eleccións xerais. Outro dato positivo que reseñou foi
“o plus” sobre o PSOE en España, que acadou un respaldo do 28%.
“Estamos
mudando a historia da representatividade democrática en Galicia”,
enfatizou Gonzalo Caballero, quen incidiu tamén en que “a esquerda
reborda o nivel de apoio da dereita en Galicia” en todas as
convocatorias electorais que tiveron lugar este ano. “Estamos
traballando ben e fortalecendo a alternativa en Galicia, o que deixa ao
PP moi nervioso e sen rumbo”, concluíu.
Nomeamentos
En
paralelo, o secretario xeral do PSdeG indicou que a executiva ratificou
a súa proposta de que o presidente do partido, Xoaquín Fernández
Leiceaga, sexa designado senador en representación da comunidade
autónoma.
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero anunciou que a
alcaldesa de Betanzos, María Barral, será a vicepresidenta executiva da
Federación Galega de Municipios e Provincias. Fará, como dixo, “un
magnífico tándem” co rexedor de Vilagarcía, Alberto Varela, quen
presidirá o ente municipalista. Departamento de comunicación