CERCEDA | O modelo Sogama traspasa fronteiras e as súas bondades chegan mesmo ata o Índico. Unha
delegación política das Illas Comores, estado insular ubicado entre as
costas de Madagascar e Mozambique, e encabezada polo Ministro de
Economía, Investimentos e Enerxía, Msaidie Houmed Comorienne, visitou hoxe o Complexo Medioambiental de Cerceda co fin de coñecer o seu
cometido e os procesos industriais que se levan a cabo no mesmo.
A
comitiva política estivo acompañada por representantes da empresa
senegalesa Panafrican Green Energy, promotor africano de plantas de
valorización de residuos que conta con máis de 8 instalacións destas
características en desenvolvemento. A
cita ten lugar precisamente cando a Sociedade Galega do Medio Ambiente
atópase pechando os últimos flocos do proceso de ampliación desta
infraestrutura, que contemplou a construción e equipamento dunha nova
planta de recuperación dos materiais contidos no lixo convencional e a
remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de
combustible.
Máis reciclaxe e menos vertido: aspiración universal
Ambas
instalacións atópanse neste momento en fase de coordinación, reforzando
así o espírito da Sociedade, que non é outro que dar prioridade ao
principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e
complementalo coa recuperación enerxética da fracción non reciclable, en
plena sintonía coas directrices europeas e a economía circular. Coa
ampliación, o Complexo de Sogama incrementou a súa capacidade dun 81%,
podendo tratar en condicións óptimas 1 millón de toneladas de residuos
cada ano, é dicir, todos os refugallos domésticos xerados en Galicia se
así fose necesario.
A
nova planta, concibida en liña coa industria 4.0, logra separar
automaticamente (lectores ópticos, electroimáns, correntes de Foucault,
etc) ata 11 tipoloxías de materiais (distintos plásticos, papel e
cartón, vidro, etc) procedentes do contedor verde xenérico, contribuíndo
desta forma a incrementar as taxas de reciclado e a diminuír o uso do
vertedoiro de Areosa.
Con
esta mellora, o vertido baixará en 2020 ao 10%, o que se coñece como
vertido técnico cero, conformando esta fracción, única e exclusivamente,
aqueles refugallos que non poden ser reciclados nin valorizados
enerxeticamente. Desta forma, Sogama cumpre, con 15 anos de antelación,
as directrices europeas na materia.
Trala
recepción por parte da Dirección de Sogama, a delegación efectuou un
percorrido guiado polas distintas instalacións que conforman o Complexo
cercedense a fin de coñecer de primeira man o circuíto que segue o
residuo desde que se recepciona en Sogama ata que se converte en
recurso, ben mediante a súa remisión á industria transformadora, onde é
reciclado, ben mediante a súa conversión en enerxía eléctrica, no caso
da fracción non reciclable. Un proceso que, como non podía ser doutro
xeito, lévase a cabo coas mellores tecnoloxías dispoñibles e exhaustivos
controis que lle permiten compatibilizar a súa actividade industrial
coa protección da contorna e a saúde pública. Departamento de comunicación