OURENSE | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou esta mañá
Ourense, onde aproveitou para poñer en valor “os magníficos resultados”
acadados polo Partido Socialista tanto na cidade como na provincia,
proba, como dixo, de que “hai un novo aire fresco” na provincia e na
cidade.
“Ourense necesita un novo tempo político”,
salientou o líder dos socialistas galegos, consciente de que a xente
“está farta dos Baltar e do esperpento de Jácome”. “Esta cidade e esta
provincia non poden seguir estando en mans das políticas rancias e
caducas dunha dereita dirixida por Baltar coa complicidade de Feijóo, e
que acaba convertendo a Jácome nun protagonista do esperpento”,
remachou.
De feito, o máximo dirixente do PSdeG augurou
que Ourense tamén reflectirá o seu rexeitamento ao PP cando Feijóo
convoque as eleccións autonómicas, o que amosa que “os tempos de Feijóo á
fronte da Xunta están finiquitados”. “Ourense ve que o Partido
Socialista é o partido de progreso que necesita”, enfatizou.
Despois
de resaltar que o PSOE obtivo en Ourense mellores datos o pasado
domingo que o 28 de abril e que na cidade volve ser a primeira forza
política, Gonzalo Caballero saudou os avances de cara a formar un
goberno progresista en España e criticou o posicionamento público de
Feijóo. “Parece que quere xogar á política nacional que non lle
permitiron facer dentro do PP”, evidenciou.
Precisamente
reprobou o responsable socialista que Feijóo utilice os Consellos da
Xunta “non para tomar medidas que permitan que a cidadanía de Galicia
viva mellor” senón para proseguir coa súa estratexia de confrontación co
goberno socialista porque “está descolocado”.
“O can do hortelano"
De
todos xeitos, Gonzalo Caballero minimizou a importancia das súas
declaracións porque xa se sabe que “a palabra de Feijóo non vale nada”,
posto que é quen de “aplaudir os pactos con Vox” un día e ao seguinte
pedir gobernar co PSOE. “Se quere facilitar que haxa goberno, que lle
diga aos seus deputados que sexan leais co mellor goberno para España e
que apoien a investidura de Pedro Sánchez”, sentenciou.
Ademais
porque, como argumentou o secretario xeral, o PSOE é “o partido que
gañou as eleccións e o único que ten posibilidades de facer goberno”.
“Pero o PP actúa como o can do hortelano, que nin pode facer goberno nin
deixa que se faga, e está xogando ao boicot continuo”, censurou.
Dito isto, Gonzalo Caballero deixou claro que “nós non queremos
gobernar coa dereita” e menos cunha dereita “botada aos brazos da
ultradereita”. “Queremos un goberno de progreso, e alí onde estea o PSOE
haberá un goberno serio, sólido e respectuoso coas leis e co marco
constitucional que ten o noso país. Nós somos a mellor garantía para
respectar a Constitución, a democracia e a convivencia”, concluíu.
Así,
tras recordar que a executiva do PSdeG respaldou os avances na
conformación do goberno, o líder socialista sinalou que “o problema de
España non é que haxa un goberno progresista, senón que hai unha
ultradereita que pon en risco a convivencia, as liberdades, o benestar e
o estado das autonomías á que está branqueando o PP”.
Ourense, a cidade con máis porcentaxe de apoio ao PSOE
Pola
súa banda, o secretario provincial do PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez
Villarino, destacou ante os medios de comunicación que o partido obtivo
o 37,48% dos votos da cidade das Burgas, co que “é a cidade de máis de
100.000 habitantes con maior apoio socialista de todo o Estado”.
A
maiores, apuntou que no cómputo total da provincia a porcentaxe de
papeletas socialistas aumentou nun punto, de xeito que “o escenario é
fantástico” a un ano das eleccións autonómicas, mantendo os dous
deputados, Marina Ortega e Adolfo Pérez Abellás, e a Juan Carlos
Francisco como senador.
“No PP están encantados de
recuperar o voto de Ciudadanos, pero están nunha situación moi débil
porque os ourensanos non os queren, nin na provincia nin na cidade”,
evidenciou o dirixente provincial, quen avanzou que “o PSOE vai resetear
ao PP a nivel provincial” e conseguir que “a xente recupere a ilusión”. Departamento de comunicación