Eva Solla,
coordinadora nacional de Esquerda Unida, presentou hoxe en rolda de prensa a
realización dun acto que celebraremos este 28 de novembro co motivo do 25N sobre
violencia vicaria e falou sobre o cinismo dunha Xunta de Galicia que se
considera “abolicionista” aínda que non actúa así respecto ao acontecido coa
Operación Carioca.
Actos e mobilizacións
de cara ao 25N
Nada máis comezar a rolda de prensa, Eva Solla trasladou
“dous elementos importantes para Esquerda Unida no marco do 25N. O primeiro
deles é que a nosa organización participará nos actos convocados polo movemento
feminista, tal e como levamos a facer dende a nosa constitución e, o segundo, é
que queremos trasladar que o día 28 de novembro celebraremos un acto, dende
Esquerda Unida, sobre a violencia vicaria, é dicir, o uso dos menores por parte
dos seus proxenitores ou terceiras persoas para causar dano ás súas nais”,
explicou.
“Veñen de cumprirse 30 anos da Convención de Dereitos dos Nenos e, no noso país, non temos normas que amparen aos menores nun
marco tan complicado como é o da violencia de xénero”, sinalou. Neste senso,
Solla reiterou que as leis actuais precisan dunha revisión, así como a propia
Lei de Violencia do Estado, unha revisión na que se prime o interese do menor.
A actitude cínica da
Xunta ante a Operación Carioca
Outro elemento que Solla resaltou na rolda de prensa foi
en relación ao caso da Operación Carioca. “Hai un par de semanas, o
vicepresidente da Xunta de Galicia anunciaba que se ía presentar un Plan Estratéxico
Contra a Trata con fins de Explotación Sexual. Isto é un cinismo por parte
dunha Xunta de Galicia que non executou no 2018 a globalidade dos Orzamentos en
materia de Igualdade, e cínico tamén porque en que xullo
Esquerda Unida solicitou á Xunta que se presentara como acusación popular no
Caso Carioca”.
Esquerda Unida solicitou que o Concello de Lugo e a Xunta
se presentaran como acusación popular e que exerceran, dunha vez por todas,
as súas responsabilidades como administracións públicas. “Agora vai comezar o
xuízo e os proxenetas poden non ser condenados, polo que se perpetúa o silencio
cómplice por parte da Xunta de Galicia, tal e como dixemos en xullo e dicimos
agora”, recalcou Solla. “O que non pode agora a administración é declararse
abolicionista cando deixa ceibos delitos tan graves como a prostitución de
menores e outros delitos graves relacionados coa trata e prostitución deses
centos de mulleres nos diferentes clubs de alternes de Lugo. É lamentable que
estas vítimas teñan que sufrir agora que moitos culpables queden impunes”,
apuntou.
Por todo
isto, volvemos demandar que a Xunta dea resposta a estes escritos e que “deixe
de dicir que é abolicionista e que de explicacións polo abandono destas
mulleres, actuando consecuentemente”, dixo Solla. Dende Esquerda Unida recalcamos
a noso posicionamento a favor das teses abolicionistas, defendidas polo
movemento feminista, que sitúa a prostitución como unha forma de violencia
machista extrema. Departamento de comunicación