O presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijóo, aseverou hoxe que coa aprobación da Estratexia de Cambio
Climático e Enerxía 2050, Galicia convértese nunha das comunidades de
España pioneiras en contar cunha folla de ruta para loitar contra o
cambio climático, coa vontade, precisou, de facer desta unha causa de
todos.
“Temos que cambiar nós e non o clima”, dixo, asegurando
que, neste obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2050,
conforme ás directrices europeas, é imprescindible o papel de varios
axentes, entre os que destacou: a comunidade investigadora, fundamental
para deseñar solucións de cara á unha transición gradual e xusta; a
sociedade, apostando pola sensibilización, a formación e a educación; e
os concellos, fomentando a adhesión a iniciativas como o Pacto dos
alcaldes para o clima e a enerxía, que suma xa máis de 150 municipios.
Sobre
este punto, Feijóo destacou tamén que, se ben, os concellos son os
responsables da xestión dos residuos, desde o Executivo autonómico
puxéronse en marcha varias liñas de axuda ás entidades locais, por valor
de 3 millóns de euros, para mellorar a xestión dos residuos domésticos.
E, para a mellora da xestión dos residuos urbanos, xa se teñen
reservado 8,3 millóns nos orzamentos do vindeiro ano.
Así mesmo,
referiuse ao papel fundamental das empresas para facer un cambio gradual
e para aproveitar as oportunidades xeradas por un modelo máis
sustentable. Para acadar estes fins e implicar a todos os axentes,
o titular da Xunta confirmou a posta en marcha de medidas como: as
axudas ao sector residencial para mellorar a eficiencia enerxética,
cunha dedución verde no IRPF, o próximo ano, que permitirá bonificar ata
o 15% das actuacións en vivendas neste eido, como cambios de fiestras
ou melloras de tellados e fachadas. Melloras nos plans de prevención e
actuación ante eventos extremos para reducir a vulnerabilidade da
poboación; desenvolvemento da estratexia de biomasa térmica; ou o
fomento dos equipamentos en réxime asociativo no sector primario.
Cómpre
resaltar que esta estratexia completarase coa Estratexia galega de
Economía Circular. E, de cara a 2020, coa previsión de aprobar a Lei de
residuos e solos contaminados, ademais da elaboración da Axenda 2030 de
Galicia, un plan de acción a favor das persoas, do planeta e da
prosperidade con 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable.
“A
nosa vocación é que as xeracións futuras poidan gozar dunha Galicia máis
verde”, dixo, subliñando que o sector primario e o medio natural de
Galicia son grandes aliados para contribuír a paliar o cambio climático.
Feijóo
precisou que estas liñas de acción e medidas específicas concentraranse
no Plan rexional integrado de enerxía e clima, que se redefinirá e
actualizará cada 5 anos. Ao respecto, lembrou que o primeiro, para o
período 2019-2023, xa está en marcha con 170 iniciativas e cun
investimento asociado e máis de 1.250 millóns de euros.
“En
definitiva, camiñamos cara á neutralidade climática actuando sobre a
redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, a través dun
modelo baseado nas enerxías limpas, na mellor da eficiencia enerxética
en todos os sectores e en acadar sistemas produtivos máis responsables; e
potenciando a capacidade de absorción de carbono, a través da adecuada
xestión de masas forestais, dos usos do solo e da conservación dos
ecosistemas”, abundou.
O presidente da Xunta concluíu facendo
fincapé en que a Comunidade aposta por unha labor constante e seria que
sume vontades, “que sume aliados e que non xere incerteza entre os
cidadáns”. “E ímolo facer de forma decidida, porque asumimos que o
cambio climático é unha loita de todos, que afecta a todos; e de forma
responsable, porque somos un Goberno que quere que cada vez máis xente
se una a esta causa”, recalcou.
Non en van, desde 1990 a 2016 o
peso das emisións de Galicia sobre o total de España pasou do 10,2% ao
8,6%. “Somos a terceira comunidade que máis está a reducir as súas
emisións respecto a 1990; apoiamos á industria forestal; puxemos punto e
final a todos os vertedoiros e incrementamos un 21% a rede de puntos
limpos; aspiramos a acadar a vertedura técnica 0 no ano 2020 en Sogama,
15 anos antes dos que marca a UE; apostamos por medidas importantes para
a xestión da auga e seguiremos adecuando as infraestruturas de
abastecemento e saneamento nas que xa investimos nesta década 1.100
millóns de euros; e proporemos a concellos e deputacións a
administración conxunta de todos os abastecementos e saneamentos de auga
de Galicia”, recordou.