O número de alumnos do Bierzo e Sanabria
que estudan galego vén de incrementarse por terceiro ano consecutivo.
Concretamente, 34 alumnos incorporáronse no ano académico en curso ao
Programa de promoción da lingua galega no Bierzo e en Sanabria. Deste
xeito, son 1146 fronte aos 1112 do curso anterior, os estudantes que
seguen estudos de galego nos territorios limítrofes das comunidades
galegas e castelá-leonesa. Así o constataron os responsables dos dous
gobernos na reunión anual de seguimento do protocolo de colaboración no
que se enmarca o devandito programa.
Na reunión de seguimento
participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín
García; a subdirectora xeral deste departamento, María Lourdes Batán; o
director xeral de de Centros, Planificación y Ordenación Educativa da
Junta, José Miguel Sáez Carnicer, a xefa de Servizo de Ordenación
Académica, Títulos e Convivencia da Dirección Xeral de Política
Educativa e Escolar, Marta Piñeiro Ruiz, e o presidente do Consello
Comarcal do Bierzo, Gerardo Álvarez.
O incremento de alumnado
verifícase, por terceiro ano consecutivo, tanto nos ensinos infantil e
primario coma no secundario e na escola oficial de idiomas: sobe en 14
estudantes no primeiro caso, en 15 no segundo e en 5 no terceiro; 34 en
total. Así, os datos de alumnado quedan como seguen: 941 alumnos/as na
educación infantil e primaria (fronte aos 927 do curso anterior), 148
alumnos/as na educación secundaria (fronte aos 133 do curso anterior) e
57 alumnos/as na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada (fronte aos 52
do curso anterior).
Os dous gobernos mostraron a súa satisfacción
pola boa acollida do programa e ratificaron a súa colaboración para
reforzalo con novas iniciativas de dinamización lingüística que
redunden, a través de actividades específicas, exposicións ou outras,
nun maior achegamento do alumnado á lingua e á cultura galegas, así como
na incorporación de novos centros de ensino ao devandito programa.
Programa de promoción do galego no Bierzo e en Sanabria
Os
centros adscritos ao Programa de promoción da lingua galega nestes
territorios galegofalantes do exterior son 19, dos que 14 son CEIP ou
CRA e 4 IES, ademais da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada. No
relativo a centros de secundaria e ensinos especiais, os IES adscritos
ao programa son o Bergidum Flavium de Cacabelos, o Padre Sarmiento de
Vilafranca do Bierzo e os ponferradinos Europa e Virxe da Aciñeira.
No
caso dos centros de infantil e primaria, en León, CEIP da Quinta
Angustia de Cacabelos, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CRA de
Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CRA Cubillos del Sil, CEIP
Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Mestre de Ponferrada, CEIP Virxe
do Carmen-A Placa de Ponferrada, CEIP Valentín García Yebra de
Ponferrada, CRA del Puente de Domingo Flórez, CEIP Mª Luisa Ucieda de
Toral dos Vaos, CEIP de Toral de Merayo e CEIP San Lorenzo de Brinde de
Vilafranca; e, en Zamora, CEIP Tuela-Bibey de Lubián.