O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou
hoxe mobilizar un total de 427 millóns de euros dos Orzamentos da Xunta
para o ano 2020 co obxectivo de acadar un proxecto “máis social, máis
centrado no emprego e con contido medioambiental”. Presentou a emenda
transversal que inclúe cambios entre partidas modificando as prioridades
nas contas para o próximo ano, e que foi rexeitada polo PP.
Fernández
Leiceaga reivindicou “outra política que corrixa as carencias e
rectifique as prioridades equivocadas da Xunta de Galicia, que fomente o
emprego de calidade e a modernización económica cun crecemento
inclusivo”. Sinalou que “outra política orzamentaria é posible”, que
“reduza a desigualdade e promova a mellora dos servizos sociais,
atendendo á emerxencia climática”.
Situou ao emprego
como prioridade do proxecto socialista, cunha “estratexia de loita
contra o desemprego” consensuada incluíndo consignacións adicionais
para políticas activas de emprego, priorizando o apoio aos
traballadores máis mozos, parados e paradas de longa duración e
potenciando o emprego feminino”. Reclamou ademais “unha nova liña de
actuación para prover o retorno de persoas que residen fora” ou o
reforzo das oficinas de emprego”.
O responsable
socialista reclamou rectificar as prioridades orzamentarias para
centrarse no impulso ao crecemento económico inclusivo, incorporando un
Plan para unha transición enerxética xusta, coa intervención da Xunta
en programas conxuntos das comarcas afectadas pola descarbonización.
Reclamou unha dotación para actuacións en materia de industrias
electrointensivas que posibilite alternativas viables para as zonas
afectadas.
Propuxo tamén rectificar a política
industrial para combinar a transición enerxética coa dinamización do
solo empresarial, así como un plan de xestión para o desenvolvemento
empresarial no rural ou un Plan para a formación de persoal nos
sectores metalmecánicos. Tamén reivindicou o apoio á recuperación e
impulso en materia de I+D+i co obxectivo de recuperar os niveis de
financiamento que tiña en 2009.
Políticas Sociais
As
propostas socialistas inclúen tamén a reposición das dotacións de
persoal tanto na sanidade como na educación públicas, afrontando as
infraestruturas sanitarias pendentes e as obras de mantemento urxentes
nos centros educativos de Galicia. Sinaladamente en materia educativa,
dixo, incorporan unha política de bolsas de estudos “máis potente”, así
como intensificar os programas de prevención do fracaso escolar, de
linguas estranxeiras e reposición informática.
Os
socialistas galegos reclaman ademais un novo plan de financiamento, e
reforzar o programa de bolsas de formación tanto nos diferentes
postgraos como garantir a gratuidade nas primeiras matrículas,
compensando ás universidades con fondos autonómicos.
Fernández
Leiceaga propuxo unha serie de medidas dirixidas a reducir a fenda
social e loitar contra a pobreza e a desigualdade, incrementando o
número de persoas perceptoras dunha renda social, desenvolver algúns dos
edificios públicos que prestarán unha atención residencial ás persoas
de maior idade, e ampliando a rede de centros de día. Tamén inclúe o
reforzo dos servizos sociais prestados a través das entidades locais e
garantir a gratuidade na educación de 0 a 3.
Os
socialistas galegos reclaman ademais o “reforzamento significativo” das
axudas para o aluguer e as axudas á rehabilitación, ademais dunha
rectificación radical da política do goberno galego en materia de
infraestruturas, incrementando o investimento produtivo e encetando
actuacións para aumentar a seguridade viaria. O responsable socialista
propuxo aumentar as actuacións en estacións intermodais e promover o
transporte público galego.
Ademais, incorpora
propostas de impulso da política ambiental dirixidas a avanzar na
transición hidrolóxica do ciclo da auga co saneamento das rías e plans
medioambientais de mellora, con actuacións de depuración e
abastecemento de auga en núcleos que carecen actualmente deste servizo
básico. Reclamou reforzar a defensa e protección dos espazos naturais
promovendo unha menor dependencia da carbonización.
Finalmente,
os socialistas galegos propoñen medidas específicas contra a violencia
de xénero, incluíndo ampliar a rede de Centros de Información á
Muller, a posta en marcha de centros de acollida e o incremento de
puntos de encontro. Alertou ademais da ausencia da Memoria
Histórica do proxecto de Orzamentos para 2020, e reclamou así un plan
galego para a exhumación de vítimas do franquismo, actos de
recoñecemento e reparación das vítimas e a retirada de simboloxía
franquista.
Ingresos
O
portavoz socialista propuxo variar o 4,15 por cento dos orzamentos da
Xunta, ata 427,9 millóns de euros, incrementando os ingresos previstos
en 227 millóns de euros cumprindo a normativa de estabilidade
orzamentaria. Defendeu unha política de ingresos “non conformista e
máis progresista”, incrementando a fiscalidade ás maiores rendas,
modificando os tipos nos tramos máis altos do IRPF, por enriba de
47.600 euros. Tamén reclamou manter o mínimo exento
no imposto de Sucesións nos 400.000 euros por herdeiro mais a vivenda
habitual, e diminuír o mínimo exento no imposto sobre o Patrimonio ata
os 400.000 euros e manter os tipos previos á entrada en vigor da
reforma do ano pasado que os rebaixou un 20%.
Tamén
propuxo o reforzo da fiscalidade “verde” ás empresas contaminantes e
unha acción fiscal “máis decidida” sobre as grandes superficies
comerciais, incrementando o gravame polo aproveitamento da auga
encorada, ademais de mellorar a xestión recadatoria e dos ingresos
propios de entidades como o Sergas ou o IGVS. Departamento de comunicación