El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Economí­a

GALICIA | BFAERO

A aceleradora BFAero recibe 40 novos proxectos

19-11-2019 10:49:57

Un total de 40 proxectos aplicables ao sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados optan a formar parte da segunda edición da aceleradora Business Factory Aero (BFAero) tras pecharse o prazo de presentación de solicitudes. As iniciativas están xa na fase de preselección, na que agora serán avaliadas polo Comité Executivo de BFAero. Só seis obterán finalmente unha praza para participar no programa, que forma parte da Civil UAVs Initiative (CUI) impulsada pola Xunta de Galicia.

O prazo para a presentación de candidaturas nesta segunda convocatoria finalizou o pasado venres 15 de novembro ás 14.00 horas cunha alta participación. Máis da metade dos proxectos presentados son de Galicia (25 deles), seguido de Madrid con 6 e das provincias de Barcelona e Granada, con dous proxectos cada unha. O resto proveñen de Salamanca, Biscaia, Palma de Mallorca, Alacante ou Valencia.


Durante a primeira semana de decembro o Comité Executivo de BFAero dará a coñecer a súa selección dun mínimo de 10 proxectos que poderán defender a súa candidatura nunha entrevista e no Pitch Day que se celebrarán en Lugo os días 12 e 13 de decembro. A este mínimo de 10 proxectos que superarán a primera criba sumaranse directamente os dous elixidos mediante a votación popular celebrada na páxina web de BFAero, que terán garantida a súa praza na entrevista e no Pitch Day. Tras a selección final, un máximo de seis startups formarán parte da aceleradora (tres en fase de incubación e tres de aceleración) e sumaranse ás seis da primera edición que xa están a traballar en BFAero desde hai uns meses.




Máis dun centenar de candidaturas en só un ano


Os resultados desta segunda edición confirman o auxe e interese que esperta un sector tan específico como o da aeronáutica e os vehículos non tripulados. En só un ano, BFAero lanzou dúas convocatorias nas que se presentaron máis dun centenar de candidaturas, 62 delas procedentes de Galicia. Estes datos reforzan o importante papel da Civil UAVs Initiative para reter e captar talento na comunidade galega, que conseguiu converterse xa nun polo aeronáutico de referencia en España.


Por áreas temáticas, un 43% dos proxectos presentados están relacionados co deseño e produción de vehículos non tripulados. As tecnoloxías habilitadoras son o segundo
foco temático con máis presenza nas candidaturas desta segunda edición (case un 32%, tendo en conta que un mesmo proxecto pode adscribirse a varias categorías diferentes), seguido dos proxectos relacionados coa obtención de datos e información e coas cargas de pago e sistemas, con case un 30% cada unha.


BFAero ofrecerá ás seis startups que sexan seleccionadas un completo plan para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto ou servizo no mercado local, nacional e internacional, cunha duración de 24 meses para a etapa de incubación e de 12 meses para a de aceleración. Así, terán á súa disposición titorías e mentorización con expertos no sector, acceso ás instalacións e equipos da CUI, oficina propia e espazos para realizar coworking e recibir unha completa formación en todos os aspectos que afecten á súa idea de negocio. Os proxectos contarán con asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional. Ademais poderán dispor de UAVs de Indra e Babcock de maneira gratuíta e de horas de voo bonificadas. Tamén terán a opción de obter a certificación de piloto.




Apoio económico a fondo perdido


BFAero é a aceleradora deste sector con maior dotación de apoio económico de Europa. Os proxectos admitidos na aceleradora disporán do apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, accederán a un financiamento de ata 100.000 euros a fondo perdido na fase de incubación e de ata 50.000 na de aceleración. Adicionalmente, optarán a un financiamento en forma de préstamos de INDRA (a través de Indradventures) de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración, préstamos convertibles e tecnoloxía a cambio de capital (Tech4Equity). Ademais, na fase de aceleración terán acceso a préstamos participativos de ata 250.000 euros da Xunta de Galicia a través de XesGalicia.


A Businnes Factory Aero, impulsada pola Xunta de Galicia, acolle as empresas nas súas instalacións da Fundación CEL Iniciativas por Lugo. BFAero é un proxecto de equipo. Aos membros da Xunta, que inclúen a Igape, XesGalicia e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), súmanse colaboradores de relevancia para garantir o éxito da iniciativa: empresas tractoras líderes do mercado no sector como Indra ou Babcock, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), pequenas e medianas empresas relevantes polo seu coñecemento ou as súas tecnoloxías, entidades como o Consorcio Aeronáutico de Galicia e xeradores de coñecemento como as tres universidades galegas. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias