A Consellería de Educación, Universidade
e Formación Profesional abre mañá, coa publicación do anuncio no seu
portal web, o proceso para a implantación de graos universitarios
abertos o vindeiro curso 2020-21 nas tres universidades do Sistema
Universitario Galego (SUG).
Así o anunciou esta mañá en Lugo a
conselleira de Educación, Carmen Pomar, con motivo dunha visita á Escola
Politécnica Superior de Enxeñaría no Campus de Lugo onde se imparte o
Grao de Robótica; e onde estivo acompañada da vicerreitora de
Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e do delegado
territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.
Pomar sinalou
que as universidades dispoñen de prazo desde mañá ata o 31 de xaneiro
para facerlle chegar as súas propostas á Consellería, concretamente á
Secretaría Xeral de Universidades, que será o órgano encargado de
avalialas para a súa aprobación e elevación á Conferencia General de
Política Universitaria.
Con esta iniciativa novidosa en Galicia, a
Consellería de Educación busca por unha banda incrementar a
flexibilidade nos estudos universitarios e ampliar as posibilidades de
elección do alumnado ao tempo que se pretende reducir as taxas de
abandono ou de cambio de estudos nos primeiros anos de vida
universitaria.
“Damos un importante e novidoso paso ao servizo das nosas
universitarias e universitarios, xa que no vindeiro curso van ten a
posibilidade de cursar durante un tempo unha titulación combinada antes
de escoller a que consideren que mellor responde aos seus intereses”,
sinalou Carmen Pomar.
A conselleira explicou que cando un alumno
accede á universidade, en moitas ocasións ten dúbidas sobre o contido
exacto do título escollido, as competencias profesionais que lle vai
proporcionar ou as saídas laborais. De feito os datos a nivel estatal
sinalan que un de cada tres universitarios abandona o grao no que se
matricula nos dous primeiros cursos, ben porque deixa a universidade,
ben porque cambia de grao.
Precisamente para atallar esta dinámica e
garantir que os estudantes dispoñan da máxima información posible á hora
de elixir estudos, o Goberno galego pon en marcha esta iniciativa de
graos abertos que vai redundar nun beneficio para o conxunto da
universidade universitaria.
Proceso e requisitos de implantación de graos abertos
Entre
os requisitos que deben cumprir as propostas presentadas está que cada
programa de grao aberto debe combinar materias de como mínimo tres graos
que deben pertencer á mesma rama de coñecemento. O número de prazas
ofertadas por cada grao aberto será dun máximo de 25.As
universidades deberán garantir que o alumnado matriculado nestes
programas poidan cursar un máximo de 90 créditos; ofrecerlles un proceso
continuo de titorización e mentorización; e recoñecerlles a maioría dos
créditos cursados no grao finalmente elixido.
Para acceder aos
graos abertos, o alumnado deberá contar cunha nota de acceso como
mínimo, igual á máis alta de todas as titulacións de grao integradas no
programa (como referencia empregaranse as notas de corte desas
titulacións no presente curso académico 2019-20). Na proposta que
deben facer chegar as universidades á Secretaría Xeral de Universidades
deberá figurar a denominación do grao aberto, a rama de coñecemento, os
centros responsables da impartición das materias do programa, a duración
do programa, os requisitos de acceso, o número de prazas ofertadas e de
créditos nos que debe matricularse o alumno, e o número de créditos
mínimo que deben superarse para a admisión no grao finalmente elixido,
entre outros.
Investimentos e aposta pola especialización no Campus Terra
Na
súa visita á Escola de Enxeñaría, a conselleira de Educación tivo
ocasión de comprobar a boa marcha do Grao de Robótica, a nova titulación
que se implantou este curso no Campus de Lugo e que contou cunha moi
boa acollida por parte do alumnado xa que se se cubriron as 50 prazas
ofertadas.
Así mesmo Carmen Pomar salientou o apoio da Xunta de
Galicia aos campus universitarios non centrais como o Campus Terra de
Lugo, no que a Consellería de Educación leva investidos uns 3,9 millóns
de euros desde que se puxo en marcha en 2015, incluídos os 700.000 euros
entre este e o próximo ano e que permiten, entre outras cousas, a
adecuación e a dotación de equipamentos dos laboratorios do Grao de
Robótica, modelos de simulación para a Facultade de Veterinaria, axudas
ao Rof Codina e Asesoría para o Campus de Especialización.
Precisamente
a este respecto a conselleira lembrou que nestes momentos está aberto o
procedemento para a acreditación dos campus de especialización, unha
aposta da Consellería polo impulso da investigación universitaria e a
mellora da calidade da docencia.