El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Nacional

POLÍTICA | BNG

Pontón presenta ante a militancia do BNG a súa candidatura á Presidencia da Xunta

20-11-2019 16:14:08

Tras un período de reflexión, tanto no seu entorno persoal como político, a portavoz nacional, Ana Pontón, presentou ante a militancia do BNG a súa candidatura á Presidencia da Xunta baixo o lema Gañar unha nova Galiza, arroupada por un grupo de xente nova que será, dixo, a protagonista do cambio real que precisa este país cando en 2020 se celebren as eleccións galegas.

Deste xeito, Pontón da un paso adiante e postúlase ante as bases para ser a candidata nacionalista, despois de que o Consello Nacional abrise o proceso de consulta á militancia que concluirá o 18 de xaneiro coa proclamación do candidato ou candidata elixida en votación nas asembleas comarcais que se celebrarán por todo o país.

“Tomo esta decisión despois dun tempo de reflexión e despois de ter recibido moitas mostras de confianza e mesmo peticións expresas para animarme a dar este paso, e tamén tiveron moito peso as palabras de afecto das persoas, militantes e simpatizantes anónimos, que se me achegaron para dicirme simplemente: Ana, contamos contigo, este país precisa un cambio, e queremos contar contigo para conseguilo”.  

Unha decisión que toma, -salientou-, “con toda a ilusión, con todo o compromiso e con toda a responsabilidade para, como di o lema desta candidatura, Gañar unha nova Galiza, con futuro, na que poder vivir e traballar, unha Galiza con oportunidades, orgullosa e soberana, na que se podan facer realidade os soños e os proxectos vitais de cada unha de nós”.  

Pontón subliñou que o BNG está traballando desde xa para conseguir ese cambio real e destacou as fortalezas da formación nacionalista: “temos proxecto político, temos solvencia e seriedade, temos equipo e confiamos no potencial deste país”. E, na súa aspiración a ser a candidata nacionalista, destacou que o obxectivo de cara ás eleccións galegas é liderar o tempo novo que Galiza precisa.  

“O BNG é a mellor ferramenta política ao servizo dos e das galegas e por iso aspiro a ser a candidata do BNG nas próximas eleccións á Presidencia da Xunta cun obxectivo moi claro: liderar o cambio real que Galiza necesita e abrir un tempo novo que deixe atrás a década de decadencia de Feixóo, que deixe atrás un goberno acomplexado, que nunca estivo á altura deste país, instalado na subordinación a Madrid ou na confrontación partidista”.  

A líder nacionalista considera que ese reto é perfectamente posible para un Bloque que experimentou un relevo xeracional, que hoxe é máis sólido e cohesionado, que non deixa de medrar en apoio social e electoral, que representa un espazo para sumar a todas aquelas persoas que queren políticas propias autocentradas. 


Ir a por todas na cita electoral 2020  

“Estou convencida de que hai unha maioría de galegas e galegos que aspira a ter esa Galiza mellor, desde ideoloxías e visións diferentes do propio país,  pero que comparten co BNG a aspiración de vivir nunha Galiza mellor, con oportunidades, que coida o seu medio ambiente, no que haxa sitio para a xente nova, un país cunha mirada propia para afrontar os retos deste tempo”, argumentou na presentación da súa candidatura.  

“A esa maioría social é a que se dirixe o BNG, á que se dirixe este proxecto nacionalista do século XXI, para ofrecerlles un país aberto, con máis autogoberno, coa defensa da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura e para que haxa máis e mellores oportunidades de futuro. Por todo isto, aspiro a liderar á candidatura do Bloque á Presidencia da Xunta, nunha eleccións nas que imos a por todas para conquistar ese país mellor que nos merecemos”, concluíu. 


Proceso de elección  

A presentación de candidaturas para recabar o apoio da militancia estará aberto até o 2 de decembro, ao que sucederá un proceso de votación nas asembleas comarcais que se prolongará até o 13 de decembro. Coa decisión das bases, o Consello Nacional proclamara ao candidato ou candidata elixida para dar o proceso por concluído a mediados de xaneiro de 2020. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias