A conselleira de Política Social,
Fabiola García, asegurou hoxe no Parlamento de Galicia que o número de
persoas con carencia material severa descendeu nun 60% nesta
lexislatura, ao pasar de 4,1% en 2016 a 1,6%, catro puntos menos que a
media española. Estes datos reflicten que cada vez hai menos galegas e
galegos en situación de pobreza, segundo a última enquisa de condicións
de vida do Instituto Nacional de Estatística (INE).
Na súa
intervención, Fabiola García atribuíu estes avances na loita contra a
pobreza e a exclusión á situación de estabilidade económica e política
que ten Galicia, o que beneficia directamente á poboación que mais o
necesita. Neste sentido, destacou outro indicador do Instituto Galego de
Estatística (IGE) segundo o cal os fogares con moitas dificultades para
chegar a fin de mes diminuíron ata o 5,2% no terceiro trimestre deste
ano, unha baixada de máis de tres puntos con respecto ao trimestre
anterior e que supón o mellor resultado de toda a serie histórica.
Tamén
se referiu á taxa Arope, baseada fundamentalmente na ratio de pobreza
económica e composta maioritariamente polo volume de persoas que se
sitúa por debaixo do 60% da media de ingresos a nivel nacional. En
Galicia esta taxa está no 23%, unha cifra dous puntos por debaixo da que
había en 2008 nun contexto de bonanza económica antes da crise e de
maior dispoñibilidade orzamentaria. Así mesmo, con este 23% a nosa
comunidade sitúase tres puntos por debaixo da media nacional.
Contratos laborais para perceptores da Risga
A
conselleira de Política Social apuntou que estes datos poñen de
manifesto que Galicia está a avanzar na atención ás persoas en situación
ou risco de vulnerabilidade social. De feito, hoxe na comunidade hai un
15% menos de perceptores da Risga que ao comezo da lexislatura. Ao
respecto desta renda de inclusión apuntou que o vindeiro ano a Xunta
destinará a esta prestación 64 millóns de euros, tres veces máis que en
2009. Ademais, explicou que as melloras introducidas este ano na Risga
fixeron que máis de 300 persoas xa estean a saír progresivamente da
mesma para asinar un contrato de traballo.
Fabiola García
mencionou outras accións que se están a levar a cabo no eido da
inclusión como o primeiro plan de atención ás persoas sen fogar;
programas contra a pobreza infantil como a Caixa ProInfancia; o
complemento autonómico extraordinario en favor das persoas con pensións
non contributivas ou o programa Reconduce contra os desafiuzamentos.
Así
mesmo, garantiu que o Executivo autonómico seguirá a traballar, da man
dos concellos e das entidades sociais, para achegar o benestar a todos
os fogares galegos sen excepción. De feito, o orzamento de 2020 destina
120 millóns de euros para combater a pobreza e a exclusión, un 73% máis
que hai unha década.