O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe
unha xuntanza co comité de empresa de Barreras acompañado polo
responsable do partido en Vigo, Abel Losada, e a voceira de Economía no
Parlamento, Teresa Porritt.
Dende alí, o líder dos
socialistas galegos apelou á “corresponsabilidade” tanto dos accionistas
como das distintas administracións públicas, que “deben cooperar para
evitar o peor escenario”. “Existen posibilidades certas
de sacar adiante acordos que eviten a liquidación do estaleiro”,
destacou Gonzalo Caballero, antes de incidir no chamamento a todos os
implicados no futuro de Barreras.
E, tras poñer en valor
que o goberno de España está actuando “con responsabilidade” e “a carón”
da empresa, o máximo dirixente do PSdeG esixiu “lealdade” a Feijóo tras
recordar que non estivo “á altura das circunstancias”. “Que
non se esconda”, requeriu Gonzalo Caballero, toda vez que Feijóo non
dubidou no pasado en poñer en marcha unha estratexia de “botafumeiro”
para “enganar a Galicia” no referido aos acordos con Pemex para o sector
naval galego.
Agora, remarcou o máximo dirixente do PSdeG, ten que traballar “con
seriedade e lealdade” e “chamar á orde” se é preciso aos actuais
responsables de Barreras para que ninguén “entorpeza” a busca de
solucións. Departamento de comunicación