SANTIAGO DE COMPOSTELA | O
próximo luns 25, o Ateneo de Santiago organiza, dentro do seu ciclo
Os luns do Ateneo, unha conferencia que impartirá a catedrática de Filosofía do
IES Politécnico de Vigo, Carme Adán. A conferencia terá lugar ás 20.00 horas na
rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela.
Na
conferencia, titulada «O Feminicidio a debate: por que agora?», organizada pola
sección Sociedade Civil, impartirase para conmemorar o día Internacional da Eliminación
da Violencia contra a Muller. A violencia a mulleres e nenas é unha das
violacións de dereitos humanos máis estendida, persistente e devastadora do
mundo contemporáneo. Ademais, apenas se informa sobre este tipo de violencias
debido á impunidade que sofren os perpetradores e o silencio, estigmatización e
vergoña das vítimas. Por ese motivo, este día convócase anualmente cada 25 de
novembro dende o ano 1981 en recordo do asasinato das irmás Mirabal na
República Dominicana.
A conferenciante, Carme
Adán Villamarín é unha filósofa, ensaísta e política galega, catedrática de
Filosofía no IES Politécnico de Vigo. Foi tamén deputada polo BNG no Parlamento
de Galicia e de 2005 a 2009 foi Secretaria Xeral de Igualdade. Entre as súas
publicacións destacan os ensaios Feminismo e coñecemento. Da experiencia das
mulleres ao ciborg (2003) e Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en
tempos de sumisión (2018). Máis información