A partir do vindeiro curso os estudantes
recoñecidos como vítimas de violencia de xénero non terán limitación
temporal para a exención do pagamento das matrículas universitarias nas
tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG).
Así o
anunciou esta mañá a conselleira de Educación, Carmen Pomar, que
especificou que no Decreto de Taxas e Prezos Públicos para o curso
2020-21 se eliminará a limitación que establece un período máximo de
cinco anos desde o recoñecemento como vítima para beneficiarse da
exención das taxas universitarias. Isto é, equipárase a situación dos
estudantes vítimas de violencia de xénero coas vítimas de terrorismo e,
polo tanto, quedarán exentos do pagamento das matrículas universitarias
en Galicia independentemente de cando teñan recoñecida esa condición.
Con
motivo da súa participación nunha xornada de Prevención da Violencia de
Xénero desde a Escola que tivo lugar en Santiago, Carmen Pomar subliñou
que esta medida forma parte do conxunto de accións "que está
desenvolvendo o seu departamento e o Goberno galego no seu conxunto en
prol da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes".
Entre
estas iniciativas cómpre subliñar que os centros educativos dispoñen
dunha dotación específica para que elaboren plans de igualdade no marco
do súa programación xeral anual, as maletas da igualdade (con diversos
materiais para traballar sobre a diversidade, os estereotipos, o
feminismo, a historia das mulleres, a identidade ou as relacións de
parella), e a oferta de dúas materias de Libre Configuración Autonómica
nos centros como son Igualdade de Xénero en ESO (impartida en 55 centros
e con 1.553 alumnos matriculados) e Coeducación para o Século XXI en
Bacharelato (que neste segundo curso de implantación ofértase en 14
centros educativos e conta con 188 matriculados).
Ademais do
traballo co alumnado, a Consellería considera que a formación do
profesorado é outro dos piares fundamentais nos que actuar para fomentar
a igualdade. Así, a través do Plan Anual de Formación do Profesorado
que cada ano deseña a Consellería, faise un especial fincapé na
formación en materia de igualdade, diversificando a oferta de
actividades formativas, e ampliando as edicións das actividades e as
súas distintas modalidades.
“O xénero -subliñou a conselleira- non
pode ser, en ningún caso, unha limitación para o desenvolvemento
persoal nos distintos ámbitos da vida. Por iso, a igualdade é a única
opción para lograr o avance socioeconómico e cultural de Galicia”. Pomar
agradeceu a participación nesta xornada formativa que axudará a
identificar estratexias e instrumentos para detectar situacións de
violencia de xénero, compartir actuacións e boas prácticas que favorezan
a prevención, e afondar nos protocolos de actuación ante este tipo de
situacións.
Ademais de conferencias específicas, a Xornada de hoxe
complétase cunha serie de obradoiros sobre convivencia escolar, casos
prácticos, lecturas e accións de sensibilización; así como mesas de
discusión que contan coa presencia de centros escolares e dos propios
alumnos.