A
portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento á mobilización masiva neste
25N porque existen máis motivos ca nunca para saír a rúa contra unha violencia
machista que se recrúa mentres avanza o discurso negacionista da extrema
dereita que o PP axuda a branquear cos seus pactos de goberno.
Esta conivencia centrou as críticas de
Pontón ao presidente da Xunta, a quen acusou de “hipocrisía” cando, tan locuaz
para outros asuntos, cala cando se trata de condenar os pactos do seu partido
coa extrema dereita machista.
“Queremos denunciar a hipocrisía do PP
e de Feixóo que pola mañá reparten paraugas lila para facer unha marcha con
motivo do 25N e pola tarde vanse de ganchete coa extrema dereita que nega a existencia
da violencia de xénero e propugna suprimir as leis das que nos dotamos para defendernos
do machismo, un discurso negacionista que nos quere facer retroceder”,
denunciou Pontón.
“Non valen medidas tintas: non se pode
avalar un discurso que pon en perigo a vida das mulleres e ao mesmo tempo presentarse
como adaíl da loita contra o machismo, é unha hipocrisía”, recalcou. Por iso,
se o xefe do Executivo “se quere poñer realmente do lado das mulleres, debe
dicir alto e claro que o PP ten que romper con eses pactos coa extrema dereita
machista, racista e antigalega”.
Ademais de facer un chamamento á mobilización,
a dirixente nacionalista puxo sobre a mesa as medidas que defende o BNG, baixo
a máxima “menos discursos e máis recursos” para combater o terrorismo de
xénero, “porque aínda que incomode dicilo, se en lugar de 43 mulleres
asasinadas en Galiza na última década fosen deputados ou futbolistas a reacción
sería moi diferente”.
Por iso, o Bloque volve poñer sobre a
mesa destinar a combater o machismo o 1% do orzamento da Xunta, 100 millóns para aplicar as medidas que están
previstas na Lei galega contra violencia
machista, una lei que urxe desenvolver facendo especial fincapé nos
recursos para atender ás vítimas e nas medidas de sensibilización e educación,
así como a prestación de apoio psicolóxico en atención primaria. Entre as
medidas, tamén a creación de xulgados específicos nas sete cidades, -hoxe só hai
na Coruña e Ourense, suprimir o
financiamento público aos centros que segregan por sexo e ampliar axudas
ás vítimas de violencia machista, tanto aumentando as contías como ampliando os
tramos de renda de posibles beneficiarias.
O BNG tamén recolle as demandas do
feminismo galego moi centrado este 25N en denunciar o machismo na xustiza, que
se traduce en sentenzas intolerables como a das das manadas de Pamplona ou Manresa.
Concepto legal de consentimento
“Hai que darlle unha mellor resposta
xudicial á violencia de xénero evitando a revictimización ou casos como os da
sentenzas da manada que nos escandalizan”, recalcou Pontón. Neste sentido, a formación nacionalista
considera preciso introducir no marco legal o concepto de consentimento “para mellorar a tipificación e
tratamento da violación e das agresións sexuais, así como a consideración destes delitos como delitos de
carácter público. Non e un problema privado senón público e como tal debe ser
tratado”, alegou a portavoz.
Igualmente, proponse
modificar a definición estatal de violencia de xénero de
acordo co Convenio de Istambul de
forma que a violencia sexual sexa recoñecida como tal, como xa fai a Lei galega
no ano 2007.
Igualmente, garantir a gratuidade
da atención xurídica ás vítimas de violencia sexual por ser vítimas de
violencia machista e impulsar unha campaña específica para informar da
existencia deste recurso, protocolo de actuación en casos de agresión sexual e
cambiar o procedemento de instrución, de xeito que ás vítimas só teñan que
declarar unha vez durante todo o proceso xudicial.
A punta do iceberg das estatísticas
Cada día rexístranse 15 denuncias nos
xulgados, hai 3.500 casos activos de violencia machista, denunciase un intento
de violación diario, no que vai de ano 5 mulleres foron asasinadas en Galiza,
na última década 43 e rexistráronse 55.000 denuncias nos xulgados.
Datos que son só a punta do iceberg,
subliñou Pontón, “por iso non vale poñerse de perfil, mentres o PP e Feijóo non
rompan con eses pactos, son cómplices desa extrema dereita que quere que
volvamos ao pasado e darlle alas a ese discurso é un perigo para a vida das
mulleres, porque os discursos e as ideas non son inocuos, e o que están facendo
é darlle osíxeno ao machismo”, concluíu. Departamento de comunicación