A Consellería de Educación, Universidade
e Formación Profesional, acaba de abrir o proceso para a implantación
de másters universitarios de Excelencia no Sistema Universitario de
Galicia (SUG). O Diario Oficial de Galicia, publica hoxe a Orde pola que
se regula e se convoca a concesión de mención de excelencia a
titulacións universitarias oficiais de máster, impartidas polas tres
universidades SUG.
Esta mención -pioneira no conxunto do Estado- é
un selo de calidade que acreditará, por unha banda, o nivel académico e
a solvencia científico-técnica dos estudos acaden este recoñecemento;
e, doutra banda, tamén suporá unha garantía de futuro para os
estudantes. As universidades dispoñen dun mes de prazo para
solicitar ese selo de calidade para as titulacións que consideren,
sempre que cumpran cos requisitos esixidos. Así, cada universidade do
SUG poderá presentar, como máximo, ata cinco solicitudes correspondentes
a outras tantas titulacións de máster universitario oficial, tanto se
as imparten en exclusividade como se figuran como universidade
coordinadora no caso de titulacións conxuntas.
Entre os
requisitos para solicitar a mención están o de ser títulos de máster
universitario de carácter oficial e validez en todo o territorial
nacional, e que veñan sendo impartidos por algunha das universidades do
SUG de xeito ininterrompido, como mínimo, dende o curso 2016-17, e que
continúe impartíndose na actualidade.
Criterios de avaliación
A
Orde publicada hoxe establece unha serie de criterios de avaliación
para acceder a esta mención. Así, os aspectos xerais do máster como a
taxa de demanda, entidades públicas e privadas que colaboren
directamente co máster, procedemento de selección do alumnado,
porcentaxe de alumnado estranxeiro, e a existencia de titorización e
mentorización individuais, valoraranse con ata 25 puntos.
Tamén con ata
25 puntos se valorarán os resultados do máster, para o cal se terán en
conta os resultados das enquisas de satisfacción do alumnado, o
seguimento dos egresados no mercado laboral e os indicadores externos de
recoñecemento (artigos, ránkings).
O profesorado do máster
computará con ata 15 puntos, con aspectos como os méritos relevantes do
profesorado permanente, a adecuación do currículo docente e investigador
do profesorado cos contidos que se imparten no máster, e o prestixio e
recoñecemento do profesorado procedente doutras universidade sou doutros
conferenciantes externos.
A estratexia do máster (visión, misión e
desenvolvemento futuro do máster, o plan de xestión para os cinco
próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta
mención) valorarase con ata 20 puntos. Con ata 15 puntos valorarase o
Plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos
dedicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías
docentes innovadoras); e con ata 10 puntos o apartado de Emprendemento,
no que se terán en conta aspectos como a existencia ou o compromiso de
inclusión dun módulo vinculado directamente cunha formación en
emprendemento e autoemprego.
Unha vez concluído o prazo de
presentación de solicitudes, unha comisión avaliadora será a encargada
de analizar ditas peticións así como toda a documentación presentada.
Esa comisión estará integrada polo titular da Secretaría Xeral de
Universidades (SXU), que actuará de presidente; dous representantes da
SXU e un representante da Axencia para a Calidade do Sistema
Universitario de Galicia (ACSUG) en calidade de vogais; e a xefa do
Servizio de Coordinación do Sistema Universitario, que exercerá de
secretaria.
O recoñecemento como Máster Universitario Excelente
terá unha vixencia de cinco cursos académicos ao fin dos cales poderá
ser renovado por períodos sucesivos de igual duración.Cómpre
lembrar que a posta en marcha destas mencións de Máster de Excelencia
das medidas contempladas no Plan para a Excelencia do SUG para o trienio
2018-20, co obxectivo de fixar unha estratexia coordenada que permita
ás universidades galegas dar un salto de calidade e avanzar no camiño da
excelencia.