A Xunta presentoulle hoxe aos profesionais do mar o proxecto da Sogama da auga como a ferramenta necesaria para garantir unha boa depuración e para acadar a meta do saneamento integral das rías galegas.
As
conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar,
Rosa Quintana, mantiveron esta mañá unha xuntanza co presidente da
Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José A. Pérez Sieira, e
cos responsables da Federación de Confrarías de Pontevedra, José Manuel
Rosas, e da Coruña, Daniel Formoso. Na xuntanza, as conselleiras,
acompañadas da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez,
explicaron que o proxecto de creación dunha sociedade pública de xestión
do ciclo da auga ten entre os seus obxectivos facilitar a actividade
pesqueira, marisqueira e da acuicultura ao mellorar a calidade das
augas.
As conselleiras lembraron que o Goberno galego traballa co
obxectivo “irrenunciable” de acadar o saneamento integral das rías
galegas, para o que leva mobilizados xa máis de 1.100 millóns de euros
en infraestruturas hidráulicas. Eses investimentos permitiron levar a
cabo 350 actuacións de saneamento que beneficiaron a 165 concellos, e
entre os que destaca a construción de 45 novas depuradoras.
Segundo
sinalaron, ese traballo deu resultados, pois permitiu estender os
servizos de saneamento e depuración ata chegar a máis de 3,3 millóns de
habitantes equivalentes fronte aos 1,8 millóns de 2009; que o 90% das
aglomeracións urbanas cumpran coa directiva europea fronte ao 50% no
2007, e que hoxe o 76% das masas de auga das rías estea en bo estado, 10
puntos máis que hai 10 anos.
As conselleiras trasladaron a
vontade de seguir traballando para acadar o saneamento integral da rías
galegas, para o que sinalaron como imprescindible poder asegurar un
correcto funcionamento das infraestruturas hidráulicas xa construídas. A
este respecto, indicaron a preocupación existente polo feito de que
máis da metade das depuradoras xestionadas polos municipios galegos
teñen un funcionamento deficiente.Para mellorar esta situación, a
Xunta está a impulsar unha sociedade pública de xestión do ciclo da
auga para axudar aos concellos a exercer de forma axeitada as súas
competencias municipais sobre saneamento e depuración.
Co novo
ente, a Xunta quere apoiar ás entidades locais na correcta explotación e
mantemento das obras xa feitas, ofrecer uns servizos de calidade á
poboación e contribuír, de xeito eficaz, á consecución dos obxectivos
ambientais, como o saneamento integral das rías.
A conselleira de
Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, apelou á necesidade da
implicación de todos, especialmente as administración locais, que teñen
por Lei as competencias en materia de saneamento, e as deputacións, que
teñen a obriga de auxiliar aos concellos. Por iso desde a Xunta se
agarda reflexión e diálogo por parte dos organismos provinciais, porque
sería unha boa oportunidade para demostrar que poden ser organismos
útiles, e sobre todo porque isto representa e supón unha mellora das
augas, das rías e, con iso, a mellora para os sectores produtivos,
pesca, marisqueo, acuicultura e turismo, que supoñen milleiros de
empregos.