O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe catro convocatorias de
procesos selectivos para cubrir 263 prazas de emprego público. Trátase
de prazas de persoal funcionario e persoal laboral fixo dos niveis máis
altos da Administración galega. Todas son de libre acceso e forman parte
das 1.161 prazas anunciadas en outubro.
As convocatorias
publicadas hoxe inclúen procesos selectivos para reforzar os distintos
centros e servizos da Administración autonómica. En concreto, convócanse
133 prazas no corpo superior (A1) –máis do triplo que na convocatoria
de 2018- e 65 prazas no corpo de xestión (A2), o que supón un incremento
de máis do dobre con respecto ás convocadas o ano pasado. Inclúense
tamén 43 prazas para persoal laboral fixo do grupo I e 22 para o grupo
II.
O sistema selectivo será o de concurso-oposición tal e como
se recolle nos Acordos de estabilización asinados entre a Administración
galega e as organizacións sindicais. Os primeiros exercicios dos
procesos selectivos de persoal funcionario serán simultáneos e
coincidentes cos do persoal laboral.
Todas as convocatorias
inclúen as normas xerais, os requisitos que deben posuír as persoas que
queren inscribirse nas probas, os exercicios a realizar e os programas
que rexerán os distintos procesos selectivos. Posteriormente, a Xunta
publicará a lista de persoas admitidas e excluídas en cada convocatoria. Ademais, Xunta e sindicatos continúan negociando as convocatorias de promoción interna para estes corpos e escalas.
20 días hábiles
O
prazo de inscrición abre mañá e remata o vindeiro 27 de decembro co que
as persoas interesadas en participar terán 20 días hábiles para facelo
constar no modelo de solicitude que se facilita gratuitamente na
Internet, e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala.