A conselleira de Educación, Universidade
e Formación Profesional, Carmen Pomar, inaugurou hoxe a primeira
xornada técnica sobre a FP Dual en Galicia, na que o seu departamento
reúne a todos os axentes implicados no desenvolvemento destas
ensinanzas: empresas, equipos directivos, docentes e persoas
dinamizadoras da rede de dinamización de FP Dual. O obxectivo do evento é
a posta en común entre centros e empresa da experiencia de cambio na
formación que supón a Dual.
No marco desta xornada preséntase a
que será a primeira Guía Básica de FP dual, dirixida aos devanditos
axentes, que a Consellería acaba de publicar e que se entregou no
evento. A finalidade deste documento é proporcionar unha ferramenta
capaz de abordar os puntos máis importantes das funcións que son
competencia do centro educativo e da empresa, permitindo unha xestión
máis áxil e simplificada desta modalidade de Formación Profesional.
A
parte inaugural da xornada contou coa presenza directivos de Navantia e
Cortizo, que farán unha breve exposición da súa experiencia na FP Dual.
A continuación desenvolveuse unha sesión baixo a denominación Os
actores do cambio, con representación de todos os roles dentro da FP
Dual. O programa da tarde dividirase en dúas partes, unha dirixida a
centros, docentes e empresas implicadas por primeira vez ou interesadas
en implicarse na FP Dual; outra para profesorado, equipos directivos e
empresas que xa desenvolven esta modalidade de formación. Ambas sesións
estarán centradas en información técnico-administrativa.
Un sistema en crecemento
Durante
a súa intervención a conselleira explicou que o modelo educativo galego
é “diferenciado e innovador” e está en continua adaptación para cubrir
necesidades e demandas cada vez máis esixentes. “Traballamos para que
Galicia conte cunha FP atractiva e adaptada ao tecido socioprodutivo,
que fomente a innovación e o emprendemento”.
Neste sentido
salientou a aposta que se está a facer “por unha formación de calidade,
innovadora e próxima ao territorio, con metodoloxías de vangarda”, a
inserción laboral da FP, “de máis do 85%, e que no caso da FP Dual, se
achega ao 91%”; así como o feito de que Galicia conte con proxectos
pioneiros en España, como os ciclos da familia marítimo-pesqueira, o
ciclo de Redes e Estacións de Tratamento de Augas ou a implantación dun
dobre título que combina o ciclo de Coidados Auxiliares de Enfermaría e
Atención a Persoas en Situación de Dependencia.
Carmen Pomar
destacou o compromiso da Xunta de Galicia con continuar mellorando,
“seguir axustando a formación do alumnado á demanda dun cambiante
escenario laboral, aproveitando as sinerxías entre centros educativos e
empresas”, a través da adaptación ás demandas dos sectores produtivos e á
propia evolución da sociedade, abrindo a porta a novos nichos
tecnolóxicos e emerxentes.
“Estas ensinanzas –dixo– proporcionan
unha oportunidade única para o crecemento do noso tecido socioeconómico,
con profesionais da máis alta cualificación, preparados para dar
resposta ás necesidades das empresas”. “Neste paso é crucial a confianza
empresarial, así como o compromiso dos centros educativos”, destacou,
agradecendo o interese e a confianza dos presentes na FP Dual, “cuxa
expansión e desenvolvemento van redundar en beneficio de toda a
sociedade”.
Ferramenta de axuda
A Guía Básica de FP dual
dará a coñecer en profundidade esta modalidade e pretende ser unha
ferramenta de axuda dirixida principalmente aos centros educativos que
están ou queren desenvolver proxectos de Dual; ás empresas,
organizacións, institucións e asociacións que acollen ou queren recibir
alumnado destas ensinanzas, así como ao alumnado interesado ou
matriculado nas mesmas.
O documento detalla as etapas necesarias
para a formalización dun novo grupo de Dual, nos seus distintos réximes,
dende o punto de vista dun centro educativo e da empresa.
Especifícanse, ademais, as condicións, requisitos e obrigas dos
distintos axentes participantes.
Para iso, estrutúrase en tres
bloques. O primeiro deles presenta unha visión xeral da FP Dual, as
principais características da modalidade, a lexislación que a regula e
as posibilidades de vinculación entre o alumnado e as empresas ou
institucións. No segundo bloque explícanse de forma detallada os pasos a
seguir polo centro educativo para a posta en marcha, seguimento e
xestión dun grupo Dual polo réxime de persoas adultas e polo réxime
ordinario. Finalmente a terceira parte ofrece información sobre as
distintas etapas que as empresas, organizacións ou institucións deberán
realizar para acoller alumnado destas ensinanzas.
Unha modalidade de éxito
A
FP Dual púxose en marcha en Galicia no 2012 de xeito experimental e no
curso 2019/20 arrincaron 73 novos proxectos, que se unen aos que se
continúan desenvolvendo e que comezaron en cursos pasados. Neste momento
colaboran con estas ensinanzas, que contan con arredor de 1350 alumnos
matriculados, preto de 300 empresas.
Un dos principais factores
de éxito desta modalidade é a súa alta inserción laboral, do 90,7%. Un
85,1% do alumnado titulado recibiu algunha oferta de emprego por parte
da empresa onde realizou o ciclo de FP Dual. Ademais das persoas
tituladas que obtiveron emprego no período transcorrido desde a súa
gradación, o 92,5% fíxoo en menos de 6 meses.
Plan de dinamización da FP Dual de Galicia
Diante
do crecemento exponencial desta modalidade formativa, a Consellería
puxo en marcha no 2019 o Plan de Dinamización da FP Dual en Galicia, que
ten entre os seus obxectivos lograr o maior achegamento entre a
formación profesional e as empresas, de xeito que se atendan as
necesidades de persoa cualificado dos distintos sectores económicos e se
melloren as posibilidades de emprego do alumnado.
Este plan conta
cun orzamento de case 5 millóns de euros e incorpora accións como a
creación da Rede galega de dinamización da FP Dual (REGADual), con
docentes dedicados a difundir as vantaxes desta modalidade e intentar
implicar a máis empresas e centros nela; ou o impulso á implantación de
novos proxectos de FP Dual, especialmente con pequenas e medianas
empresas e no rural e poboacións pequenas e medianas.
Así mesmo
puxéronse en marcha axudas ao desprazamento para o alumnado de FP Dual,
no período de estadía na empresa, accións para o fomento da mobilidade
de profesorado e do alumnado de FP Dual e estase a desenvolver un
Programa específico de formación para docentes e empresas, do que esta
xornada forma parte.