El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Nacional

CORREDOR MARÍTIMO GALEGO

Ana Miranda insta ao Goberno a cumprir as recomendacións da UE para controlar a seguridade do corredor marítimo galego

27-11-2019 17:38:10

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, subliña que o goberno Estatal debe cumprir as recomendacións da Unión Europea sobre o control da seguridade marítima a respecto dos residuos nucleares almacenados na Foxa Atlántica, en tanto que a Comisión Europea vén de anunciar que no 2020 vai incluír a verificación da vixilancia da radioactividade na costa galega no seu programa de misións.

“Temos a Foxa Atlántica con residuos nucleares, hai 17 anos sufrimos as consecuencias do Prestige, agora temos o Blue Star na ría de Ares, seguimos esperando á solicitude de fondos para sanear a ría do Burgo, e así podemos mencionar exemplo tras exemplo dos perigos reais na costa galega”, denuncia Ana Miranda, quen considera que as administracións “non poden deixar pasar máis tempo e tomar en serio a situación da costa galega poñendo en marcha medidas que eviten os riscos de contaminación ambiental que existen en Galiza”.

Para a portavoz do BNG en Europa, “diante desta situación é indispensable reclamar as competencias en seguridade marítima e protección do litoral”, ao tempo que indica que o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, dará esta batalla porque se trata “dun interese prioritario para Galiza reclamado desde hai anos”.

Miranda considera que o caso do Blue Star pon de manifesto que tras o Prestige non se tomaron medidas para evitar un accidente similar, senón que, pola contra, se tomaron decisións “discutibles” como a de converter a ría de Ares nunha zona para fondear os buques sen ter medios para loitar contra a contaminación. “Que pasaría se o combustible dese buque chegase á costa. Moito nos tememos que as medidas de prevención serían as mesmas que existían cando tivemos que recoller o chapapote coas mans”, critica. 

Repercusións medioambientais e económicas“Lamentablemente, vemos como aos gobernos galego e estatal dálles igual este risco, dálles igual que se produzan vertidos na costa como acontece en Sálvora, ou que haxa restos radioactivos na foxa atlántica”, indica a portavoz do BNG en Europa, en referencia á pregunta escrita que dirixiu á Comisión Europea sobre o estado dos residuos nucleares que se atopan fronte as costas galegas. Segundo Miranda, “é tremendamente preocupante que a Comisión admitira que non dispón de información actualizada do estado dos 220.000 bidóns que foron depositados entre 1990 e 2003”.

Ana Miranda considera que esta inacción ten graves repercusións para Galiza, tanto desde o punto de vista medioambiental como económico. “Da calidade das nosas augas dependen moitos postos de traballo, xa non só no sector pesqueiro e marisqueiro, como acontece na ría do Burgo, senón tamén no desenvolvemento dun sector turístico sustentable e respectuoso co medio ambiente”, afirma, ao tempo que asegura que seguirá denunciando a situación que atravesa a costa galega e reclamando actuacións firmes no cumprimento da Directiva Marco da Auga. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias